Skip to main content
Vilalba

Vilalba convoca as axudas para a compra de material escolar en infantil

Por 5 Xullo, 2023Sin comentarios

O Concello de Vilalba anuncia as bases das axudas para adquirir material escolar dirixidas ás familias con nenos/as en Educación Infantil, entre os 3 e os 6 anos, no curso escolar 2023-2024.

“As axudas destinaranse á adquisición de libros e material escolar para o alumnado matriculado nos centros públicos do municipio, unhas axudas importantes coas que o Concello de Vilalba colabora cunha franxa de idade que non ten acceso ás subvencións doutros organismos públicos”, explica Marta Rouco, concelleira de Servizos Sociais.

As bases Reguladoras saen publicadas no BOP de hoxe, 5 de xullo de 2023, e no taboleiro de anuncios da Sede Electrónica do concello. O prazo para presentar as solicitudes é do 6 ao 19 de xullo de 2023.

Para a concesión das axudas, establécense dous grupos en función das rendas das familias solicitantes, de acordo aos baremos incluídos na convocatoria. Deste modo, haberá un grupo de renda ao que se lle concederá unha axuda de ata 100 euros, mentres que noutro grupo a axuda será de máximo 75 euros.

O orzamento total dedicado a estas axudas alcanza os 15.000 euros. No caso de que as solicitudes presentadas superen o presuposto, as axudas concederanse de menor a maior renda.

As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Vilalba, ou por calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

As persoas solicitantes deberán achegar os anexos indicados na convocatoria, así como os documentos necesarios.