Skip to main content
Vilalba

O BNG de Vilalba presentou o seu proxecto, no que aposta pola peonalización

Por 8 Xullo, 2023Xullo 9th, 2023Sin comentarios

O BNG de Vilalba presentou ante a veciñanza o seu plan de traballo para esta lexislatura, na que recuperaron un dos asentos da Corporación, da que levaban ausentes dúas lexislaturas e que ocupará Tino Alvite.

Segundo explicaron un dos primeiros obxectivos do partido é conseguir un acordo coas demais formacións políticas para a creación dunha plataforma plural na que teñan tamén presenza representantes da sociedade civil.

“O obxectivo primordial será poñer as bases para resolver os problemas reais que nos afectan e que nos levaron ao declive socioeconómico actual, reflectido na perda de poboación, na desaparición do sector agrícola ou na situación actual dos servizos e do comercio locais”, explicaron.

O BNG mostrou en primeiro lugar o seu agradecemento “a todas as persoas que depositaron a súa confianza na nosa organización nas pasadas eleccións para nos permitir volver ter representación na corporación municipal e darnos a oportunidade de pór o noso traballo ao servizo do ben común”.

O partido asegurou que ten autonomía e criterio propios e que non vai ser chave, nin xuíz ou mediador da política local, “non fomos elixidos para desenvolver esa función”.

Presentaron tamén unha serie de puntos sobre os que van traballar e que sería a economía circula, dustentabilidade ecolóxica, soberanía alimentar e enerxética, dinamización do sector agrario (agricultura de proximidade e mercado de produtos locais), agrupamento voluntario de predios (banco de terras), aproveitamento sustentábel do monte, turismo ecolóxico e sustentábel, recuperación do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía, actualización do PXOM, estudo e publicación da RPT, infraestruturas necesarias (parque e pavillón multiusos), dotación de terreo industrial, apoio para a modernización do comercio local, reversión de servizos públicos á xestión municipal, axilización da administración municipal e sanidade e servizos sociais como o centro de día.

Na primeira sesión plenaria, o BNG presentará unha moción coa solicitude da inmediata peonalización da Praza da igrexa, “paso imprescindíbel para elaboración dun plano de revitalización e de habitabilidade do casco histórico e da adquisición do solar que alberga o actual aparcadoiro das Pedreiras, na zona de Tras do Poxigo, para a futura construción dun edificio con altura máxima ao nivel da Praza da igrexa que soporte un parque cun miradoiro con vistas á Madalena”.

A PRAVIA

O BNG tamén fixo referencia á polémica sobre o cambio de dirección da rúa da Pravia. Os nacionalistas aseguran que “será en base a algún informe técnico que avale a medida. O BNG descoñece esta circunstancia, mais, de ser así se nalgún momento teñen a ben compartilo con nós, estudarémolo e daremos a nosa opinión”.

O BNG consultou cos técnicos da empresa que deseñou o actual Plan de mobilidade “e argumentaron que o sentido de tránsito na Rúa da Pravia é o máis acaído globalmente porque ten como obxectivo principal reducir o volume de vehículos no centro da vila, circunstancia que en boa lóxica debería terse en conta”.

O partido avala un plan integral de mobilidade, “non podemos centralo exclusivamente nunha vía”.