Skip to main content
Xermade

Sotavento organiza unha xornada dedicada ao sol

Por 14 Xullo, 2023Sin comentarios

O vindeiro martes 18 de xullo Sotavento organiza unha xornada adicada ao sol coa que pretende por en valor as diferentes opcións de aproveitamento deste recurso. O principal obxectivo é que todo aquel que queira achegarse ás nosas instalacións neste día, poida coñecer máis en profundidade este recurso, descubrindo de primeira man as súas posibilidades e estimulando ao mesmo tempo a conciencia pública sobre a importancia do uso dun tipo de enerxía inesgotable, autóctona e renovable.

A Vivenda Bioclimática Demostrativa é un bo exemplo deste aproveitamento solar, xa que grazas á súa orientación e construción, intenta optimizar ao máximo e de forma pasiva este recurso natural, tanto en luz como en calor. Nesta xornada, farase especial fincapé nos diferentes sistemas de aproveitamento solar, tanto pasivos (galería, muro Trombe, sistemas directos de iluminación, etc.) como activos(placas fotovoltaicas e sistemas termosolares).

Os participantes tamén poderán comprobar as capacidades do Sol a través de exemplos, instalacións reais e demostracións prácticas, entre elas a elaboración de produtos nunha cociña solar.

Sotavento é un centro de referencia en materia de enerxías renovables, non só a nivel eólico, senón tamén aproveitando outros recursos que nos proporciona a natureza. Un claro exemplo disto, é a recente aposta pola hibridación eólica-fotovoltaica no Parque que será visitada tamén durante a xornada.

Cada día chegan á Terra uns 173.000 teravatios de enerxía procedentes do Sol, mentres que o consumo en todo o mundo é de 16 teravatios. Dito de outra maneira, unha hora de radiación solar cubre o consumo anual de electricidade de todo o planeta.

Para completar a xornada, ademais de explicacións guiadas, os máis pequenos tamén poderán realizar diferentes obradoiros solares e outras actividades. Non o dubides!! Achégate o martes 18 de xullo ata o Parque Eólico Experimental de Sotavento para desfrutar dunha mañá divertida e diferente de verán.

O custo da actividade será de 3€ por adulto e 2€ por neno/a e para apuntarse teñen o correo info-divulgacion@sotaventogalicia.com ou o whatsapp 652808173.