Skip to main content
Xermade

Unha vintena de persoas participaron en Sotavento na xornada dedicada ao sol

Por 19 Xullo, 2023Sin comentarios

Este martes, o PEE Sotavento organizou unha xornada dedicada ao Sol na que participaron máis dunha vintena de persoas de todas as idades que puideron comprobar de primeira man as posibilidades enerxéticas desta fonte renovable e autóctona.

Durante a xornada, tiveron especial protagonismo os aproveitamentos solares, tanto pasivos (galería, muro Trombe, sistemas directos de iluminación, etc.) como activos (paneis fotovoltaicos e sistemas termosolares).

Os participantes comprobaron as capacidades do Sol a través de exemplos, instalacións reais e demostracións prácticas, como a elaboración e degustación de chocolate nunha cociña solar parabólica ou o quecemento directo de auga nun sistema de tubos de baleiro.

Os máis pequenos puideron participar en varios obradoiros, como a realización dun reloxo solar ou a montaxe de pequenos paneis fotovoltaicos para a iluminación dunha lámpada. Os máis habilidosos tamén foron capaces de prender lume grazas á axuda dun chisqueiro solar.

Ademais, durante a xornada fíxose entrega dos 400 € do premio do XI Certame Renovable de fotografía, onde a gañadora foi Daniela Calvo García, de As Pontes, coa súa fotografía Diente de León.

Sotavento é un centro de referencia en materia de educación enerxética e enerxías renovables, non só a nivel eólico, senón tamén aproveitando outros recursos que nos proporciona a natureza. Con respecto ao Sol, cabe destacar que unha hora de radiación solar sería capaz de cubrir o consumo anual de electricidade de todo o planeta, polo que o seu aproveitamento responsable é un claro aliado na loita contra o cambio climático.