Skip to main content

A carballeira de Santa Isabel recibirá o sábado o Convivio da Cultura Galega

Por 2 Xullo, 2023Xullo 3rd, 2023Sin comentarios

A Casa-Museo Manuel María, en colaboración coa Federación Galiza Cultura, organiza a décima edición do Convivio da Cultura Galega que se celebrará na carballeira de Santa Isabel en Outeiro de Rei o sábado, 8 de xullo.

A Casa-Museo Manuel María e a Federación Galiza Cultura convidan todas as galegas e galegos e entidades culturais a participaren nesta romaría-foliada ao redor da figura de Manuel María, para celebrar a cultura de Galiza e o traballo de base que levan a cabo as distintas asociacións culturais.

O encontro dará comezo ás 11.15 coa acollida diante da Casa-Museo Manuel María de todas as persoas asistentes amenizados pola coaral Solfa, para saíren cara ao cemiterio parroquial de Outeiro, onde se fará unha ofrenda ao poeta chairego. De alí baixarase cara a paraxe natural de Santa Isabel onde se desenvolverá o resto do día que comezará cun concerto único, ás 12.30 horas, preparado para a ocasión, da Banda de Música Sons e Soños de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, que estará acompañada pola fadista galega Iria Estévevez e o guitarrista portugués Artur Caldeira.

Pola tarde, e tras o xantar, levarase a cabo, desde as 16.30 horas, unha foliada na que participarán grupos de música tradicional como Os Parabéns, Tradivivas Agra, Birloque Gaiteiros, Vento Mareiro, Zurrumalla, Xurxo Souto&Richi Casás, Baleira e Tribo. A sesión estará dirixida polo propio Xurxo Souto.

Durante a mañá do propio sábado, na Casa-Museo Manuel María, as xuntas directivas das entidades culturais que conforman a Federación Galiza Cultura, entidade que promove o Convivio xunto á Casa-Museo Manuel María, manterán un encontro para articular a súa actuación en común nos próximos meses.