Skip to main content
BurelaMar AMARIÑAXA

Expomar formará parte dunha rede nacional de turismo mariñeiro

Por 7 Agosto, 2023Sin comentarios

A Fundación Expomar formará parte dunha rede nacional de turismo mariñeiro. Este foi un dos asuntos abordados na reunión do padroado, que preside por primeira vez unha muller: Carmela López.

O padroado celebrou a primeira xuntanza ordinaria deste mandato, na que se procedeu á renovación dos cargos por parte dos representantes do Concello de Burela.

A presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, contou que “celebramos a primeira xuntanza ordinaria do padroado da Fundación Expomar deste mandato. Entre outros puntos tomouse posesión e renováronse os cargos por parte das e dos representantes do Concello de Burela e desde hoxe a Fundación Expomar conta coa súa primeira presidenta”.

O concelleiro de Mar, Ramiro Fernández Rey, é o secretario. E incorpórase ao padroado como primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado.

Na xuntanza fíxose balance do exercicio de 2022, que “foi moi positivo e satisfactorio grazas ás axudas que a Fundación Expomar recibiu das diferentes administracións”, explicou o xerente, José Manuel González Brais. Tamén se deu conta das actividades realizadas no primeiro semestre: a presentación da Feira Expomar na Casa de Galicia, en Madrid, a presenza da Fundación na feira de Bilbao, así como a Feira Expomar, celebrada o pasado mes de maio en Burela, xunto coas Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial.

Para o segundo semestre deste 2023 “a primeira actividade que realizaremos será unha nova edición de Produart, agora en agosto; volveremos a Cabo Verde á Feira Expomar formando parte da delegación galega que ata alí se despraza e servindo de ponte entre as empresas”, seguiu a relatar José Manuel González.

O xerente da Fundación Expomar subliñou que “a acción máis importante que temos no calendario é que formaremos parte dun programa do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para a creación dunha rede nacional de turismo mariñeiro, que estará integrada por vilas e pobos costeiros co obxectivo de potenciar o sector náutico pesqueiro a nivel turístico”.