Skip to main content
Foz

O circuíto das Feiras do Libro aterra en Foz ata o 20 de agosto

Por 17 Agosto, 2023Agosto 18th, 2023Sin comentarios

O circuíto das Feiras do Libro chega a Foz onde se concentrarán nos próximos días centos de actividades para todos os públicos.

Así, entre o 17 e o 20 de agosto, a cita cos libros chegará a Foz, coa instalación das casetas na praza de Conde Fontao. Tras o seu paso por Foz, o circuíto pechará a edición deste ano coa última parada en Monforte de Lemos (do 23 ao 26 de agosto).

A vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coa Feira do Libro de Foz xa que a esta cita conta con oito postos de librarías e editoriais – entre eles o do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo-, e un amplo programa de presentacións, contacontos, sinaturas de libros e espectáculos infantís.

O deputado de Rural, Mar e Mocidade Daniel García participou esta tarde na inauguración na que explicou que “desde a vicepresidencia da Deputación de Lugo colaboramos un ano máis coa Federación de Librarías de Galicia na organización desta feira,  que dinamizan as vendas das librarías e crean un ambiente propicio para o achegamento á lectura por parte de todos os públicos, con sinaturas de libros e diferentes actividades que dan visibilidade ás obras e as súas autoras e autores”.

No acto,  coa lectura do pregón a cargo do escritor de Alfoz Lionel Rexes, o responsábel provincial convidou a “visitar os postos da feira e pararse tamén no do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo para coñecer a actividade da editorial institucional, centrada fundamentalmente na divulgación do patrimonio, da cultura e da historia das distintas comarcas” e lembrou algúns dos títulos editados nos últimos anos en relación coa comarca como “Navegando a bordo do San Lourenzo”, do focense Antón Niñe, “Viveiro 1810. Augas Mortais”, de Primitivo Marcos ou “Historias máxicas pola Mariña Encantada”, de Antonio Reigosa.

Os libros editados polo Servizo de Publicaciòns poden ollarse na caseta institucional e mercarse nos postos das librarías que participan na feira: Libraría Aguirre, A Gata Tola, Libraría Pedreira, Libraría Bahía, Libraría Aenea, A libraría de Rosa e Nobel Boiro.

Ademais da presenza na Feira, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora na organización das feiras cunha achega de 3.000 euros á Federación Galega de Librarías e co financiamento de actividades para público infantil na propia feira. Neste caso, o espectáculo “A Ramona pequena vai á lúa” de Pakolas (Galaxia), o 20 de agosto ás 19.00 horas.

As Feiras do Libro son unha das citas culturais máis importantes do verán para a promoción e divulgación da literatura e alíñanse coas medidas do Plan de impulso ao sector do libro que este ano puxo en marcha a Consellería de Cultura para reforzar o apoio ao sector.  Así mesmo, intégrase nas máis de 2.500 propostas que a Xunta impulsa coincidindo coa temporada estival a través do CulturON.