Skip to main content
Mondoñedo

A Faba Verdina de Galicia estará no stand ‘E… para comer, Lugo’ en La Vuelta

Por 25 Agosto, 2023Sin comentarios

Dentro do stand ‘E… para comer, Lugo’ da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería, e Turismo de Lugo, APEHL, que ofrecerá degustacións e outras actividades de promoción dos produtos na saída de cada unha das 21 etapas de La Vuelta ciclista a España, atoparase a Faba Verdina de Galicia.

O goberno local subliña a súa satisfacción ante “a primeira vez que este selo de garantía de orixe dos produtos da Asociación de Produtores de Verdina de Galicia -integrado por produtores de Mondoñedo, Trabada e Lourenzá- aposta por unha promoción a nivel nacional”. Así mesmo, consideran que “é unha excelente ocasión non só para promocionar a compra deste produto de calidade, senón tamén para difundir o seu potencial gastronómico”.

As accións de promoción inclúen a difusión dun folleto de receitas propostas polos establecementos hostaleiros mindonienses coa faba verdina como protagonista e, por suposto, a súa degustación. Para iso, un dos produtores e integrante da Asociación de Produtores de Verdina de Galicia, Alfonso Cartoy, doará o produto e os cociñeiros elaborarán aperitivos que serán degustados antes da saída de cada etapa.

Cartoy sinala que é “unha oportunidade para darse a coñecer no mercado” e tamén para que “os cociñeiros coñezan de primeira man a calidade do noso produto”. Nese sentido, defende que “a faba verdina de Galicia é pouco coñecida, pero o noso produto é bo”.