Skip to main content
Mondoñedo

O BNG de Mondoñedo logrou aprobar unha iniciativa para o control de biomasa no concello

Por 25 Agosto, 2023Sin comentarios

O BNG de Mondoñedo logrou aprobar unha iniciativa para o control de biomasa no concello grazas aos cinco votos a favor da oposición e ás seis abstencións do grupo de Goberno.

“A pesar das reticencias manifestadas polo goberno popular onde sinalaban a imposibilidade de facer cumprir a Lei de Prevención de Incendios pola falta de medios para revisar as parcelas afectadas o BNG logrou sacar igual a iniciativa”, din.

O voceiro nacionalista no concello, Eloi Cabanas, declara que “en Mondoñedo tanto na zona rural como na urbana abundan moitos terreos e solares sen limpar próximos ás vivendas invadindo terreos públicos, privados ou ameazando vivendas e o goberno a día de hoxe non toma cartas no asunto ata que hai unha denuncia no concello”.

Para o BNG, “o Goberno municipal non pode mirar para outro lado cando ten a competencia para dar debido cumprimento aos deberes de mantemento da biomasa nas condicións precisas para evitar lumes e outros problemas de ornato público”.

“No pleno denunciamos a situación na que se atopan moitos terreos próximos ás vivendas e núcleos de poboación e instamos ao goberno popular que faga cumprir a lei oficio e non só a instancia das denuncias da veciñanza”.

Na mesma moción tamén se aprobou outro punto de acordo para elaborar unha ordenanza municipal que regule a xestión da biomasa e a distancia de plantacións de árbores dentro dos terreos delimitados como solo urbano, de núcleo rural e urbanizables.

Por outra banda na mesma sesión plenaria o BNG tamén formulou varios rogos que lles trasladou a veciñanza como que que se faga respectar o sinal de aparcamento situado na Alameda dos Remedios de prohibido aparcar máis aló das tres da tarde; que se arranxen ou reformen os baños da Alameda; que se prohiba o estacionamento no tramo en curva que fai de intersección entre a avenida das San Lucas e a rúa que discorre por diante da Igrexa dos Remedios a carón da alameda; e que se arranxe o firme da estrada local que discorre polo interior de San Vicente.