Skip to main content
Ribadeo

Deu comezo en Ribadeo o XII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos

Por 31 Agosto, 2023Sin comentarios

Deu comezo en Ribadeo o XII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que organiza Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia). Charlas polas mañás e talleres polas tardes conforman o programa deste Fórum que se prolongará ata o vindeiro venres, 1 de setembro. No Fórum de Apaga participan máis de 50 persoas procedentes de Madrid, Asturias, Zamora, León e de toda Galicia.

Doural dixo que “este Fórum non é soamente un lugar de discusión e reflexión senón tamén unha plataforma de colaboración e intercambio de ideas. Como noutras edicións, quero agradecer a colaboración das institucións públicas aquí representadas e ás firmas privadas tamén o seu aporte tanto na parte económica como de técnicos que participan neste evento”.

A nova xefa territorial de Educación, Sagrario Sánchez, subliñou “o incremento na matrícula da FP nun 12%, chegamos a ter máis de 60.000 matriculados, un 75% máis que no ano 2009”. E tivo palabras de agradecemento para o profesorado asistente a esta cita en Ribadeo: “mil grazas por todo o voso traballo. Estamos moi agradecidos; que vos vou dicir eu que son profesora e moito ánimo. Para todo o que necesitedes aquí nos tedes”.

A responsable da área económica da Deputación de Lugo, Mayra García, felicitou a Apaga pola organización deste XIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos: “xa que ano tras ano é capaz de realizar estas xornadas que son tan interesantes porque o sector automobilístico está sufrindo unha renovación moi importante e por acadar este tipo de xornadas que son tan interesantes tanto a nivel nacional como internacional. Dende a Deputación de Lugo, como sabedes colaboramos, co tecido asociativo tanto a nivel social como profesional  neste caso. E agardamos que aproveitedes moito estas xornadas”.

Logo da apertura do foro, esta décima segunda edición acolleu unha conferencia a cargo do enxeñeiro Manuel Lage sobre a historia do automóbil en España. Así mesmo, está previsto que se afonde en temas de interese para o sector, como os novos motores de hidróxeno e os vehículos eléctricos. Ao longo desta semana contarase coa participación de empresas como Robert Bosch, Anest Iwaca Ibérica ou URO Vehículos Especiais, entre outras conferencias e actividades. No marco do programa das xornadas tamén está previsto que as persoas que integran APAGA elixan unha nova directiva.

As charlas e os talleres seguirán ata o vindeiro venres, 1 de setembro. Tamén se celebrará a asemblea anual de Apaga e haberá unha ponencia sobre os proxectos das mobilidades Erasmus a Estonia e Italia e nas que participaron alumnado e profesorado. Os asistentes ao XII Fórum de Apaga gozarán mañá dunha viaxe en barco desde Ribadeo ata Ría de Abres, onde saborearán unha merenda campestre.