Skip to main content
O Corgo

O Corgo abre o procedemento para ocupar o novo viveiro de empresas

Por 27 Agosto, 2023Agosto 28th, 2023Sin comentarios

O concello do Corgo vén de publicar as bases para o funcionamento do vivero de empresas do concello e iniciou o procedemento de selección das empresas ususarias.

O viveiro de empresas do Corgo é un edificio de titularidade municipal que ten por finalidade fomentar a creación de novas empresas de carácter industrial, mediante o ofrecemento temporal de espazos físicos onde se atoparán as condicións e servizos precisos para a súa implantación inicial e consolidación.

O viveiro está situado na nave de usos múltiples, no polígono industrial do Corgo. Ten seis locais de arredor de 55 m² con duas plantas en cada local, cada planta coas súas instalacións correspondentes, ás que as empresas poderán ter acceso para realizar as súas actividades.

Preténdese acoller empresas de nova creación ou cunha antigüidade inferior a seis meses anteriores á solicitude de acollemento e dar asesoramento a través dos servizos de emprego e orientación laboral do concello.

O prazo para as solicitudes de acollemento será de tres meses ata primeiros de novembro. Ademais deberán presentarse unicamente por medios electrónicos na sede electrónica do Concello do Corgo.

A selección dos beneficiarios realizarase mediante convocatoria pública conxunta, total ou parcial, dos espazos do viveiro, efectuada polo alcalde, conforme ao establecido nas bases. Aquelas solicitudes de acollemento que non poidan ser aceptadas por falta de espazos dispoñibles, quedarán nunha lista de agarda ordenadas pola puntuación obtida no proceso de baremación das solicitudes. En caso de empate, terá preferencia a empresa cuxa solicitude estivese rexistrada antes no Rexistro de entrada do concello.

As convocatorias publicaranse na sede electrónica do concello, no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, no taboleiro de anuncios do Concello e na páxina web municipal.