Skip to main content
Lugo

A maxia das parroquias: San Vicente de Coeo

Por 28 Agosto, 2023Agosto 29th, 2023Sin comentarios

A parroquia de San Vicente de Coeo está situada a uns dez quilómetros ao sureste da capital lucense e preto das parroquias de Recimil e Santa Comba. Composta por seis núcleos de poboación denominados Coeo, Corvelle, A Estrada, Marce, Quintela e Ponte do Vao conta na actualidade conta total de 135 habitantes segundo o Instituto Nacional de Estadística no que 69 son homes e 66 mulleres. Coeo é o núcleo que aglutina un maior número de poboación cun total de 53 habitantes fronte ao núcleo de Marce no que tan só viven seis persoas.

A igrexa parroquial de Coeo está adicada ao San Vicente e posúa unha estrutura peculiar xa que consiste en dúas naves unidas que noutros tempos tiveron entradas independentes. Así dende a igrexa parroquial de San Vicente existe unha conexión coa Capela das Ánimas e do Rosario posuíndo esta construción dous altares.

A igrexa de San Vicente de Coeo conta cunha ampla nave con cuberta de lousa a dúas augas cunha cornixa corrida e acanala. Esta construción está realizada con perpiaños de granito e ten na súa fachada principal unha porta alintelada con moldura e un ventanal e na parte máis alta o campanario. O presbiterio é máis reducido pero ten unha mesma liña de cuberta ca nave principal, cunha terceira vertente na parte posterior e un arco de medio punto de acceso.

No interior desta igrexa pódense atopar varios retablos e esculturas sendo o retablo maior da época neoclásica e datado de 1855 onde está a figura de San Vicente. No lateral esquerdo e tamén con trazas neoclásico, datado de 1875 está o retablo da Virxe e no lateral dereito de estilo rococó e do ano 1757 unha figura de San Ramón.

A Capela das Ánimas e do Rosario ten un amplo acceso con enreixado de ferro través da nave principal da igrexa e conta cun pavimento de laxas de lousa. Nos laterais hai dous grandes lenzos de mais de dous metros de alto e de ancho, no primeiro pódese apreciar unha representación da fuxida de Exipto e no segundo a aparición de anxos a un santo.

No presbiterio desta capela, baixo un arco, atópase un mural representando a Cristo no calvario e baixo outro arco de menor tamaño un retablo dourado, con dúas columnas salomónicas cunha representación presidida por Cristo e o Pai Eterno en relevo, dentro dun marco a Virxe do Carme cun grupo de ánimas tamén en relevo e pintado, unha representación infernal. No lateral dereito cun amplo acceso a través dun arco de medio punto está situada a sacristía, con pavimento de madeira e pedra.

Este conxunto eclesiástico conta no seu exterior cun cemiterio e tamén cun peto das ánimas, un pequeno santuario ubicado no exterior da igrexa que serve para que os vivos poidan ofrecer unha esmola para a salvación das almas que se atopan no Purgatorio.

Unido a este patrimonio cultural pola parroquia de Coeo transcorre tamén a Vía Künig, unha variante do Camiño Francés que pasa pola cidade de Lugo tras desviarse en Herrerías de Valcárcel. A etapa que pasa por esta parroquia é a que transcorre entre O Corgo e a cidade a amurallada e que consta dun total de 19 quilómetros para realizar en aproximadamente catro horas.