Skip to main content
Lugo

A peonalización da Calzada da Ponte está case rematada

Por 9 Agosto, 2023Sin comentarios

Continúan os traballos de transformación que o Executivo local está a executar na Calzada da Ponte. O proceso de peonalización está case rematado, así como a rexeneración dos dous paso inferiores, que mudan substancialmente a faciana do espazo, e tamén o novo alumeado público, de alta eficiencia enerxética e  deseñado baixo criterios de perspectiva de xénero para toda a contorna.

“Vimos de comprobar como os traballos atópanse xa moi avanzados. De feito, as próximas semanas ocuparanse en ultimar pequenos detalles da obra, pero, sobre todo, vaise traballar en dotar de vexetación as zonas de esparexemento e introducir mobiliario urbano que faga máis confortable este enclave estratéxico da nosa urbe. O noso obxectivo, ademais de dinamizar unha zona de enorme valor patrimonial polo que pasa o Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX, é construír espazos públicos amables onde a veciñanza poida desenvolver a súa vida diaria favorecendo as relacións socias e a vida en contacto co exterior”, indicou a rexedora.

Nesta liña, durante as próximas semanas, seguirase avanzando na mellora das zonas de descanso que completen os parklets urbanos. Estes espazos permiten introducir illas de convivencia nun emprazamento que ata o de agora interpretábase como zona de paso. “Coa culminación desta obra, Lugo deixará de vivir de costas ao Miño, ao tempo que melloramos un dos principais accesos ao río, xa que incrementamos a lonxitude das sendas peonís e ciclistas para acceder á zona fluvial o que sen dubida reforza o vínculo entre a trama urbana e a nosa contorna natural, visitada ademais por numerosos peregrinos e turistas polo seu valor patrimonial”, sinalou Méndez.

O proxecto, enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae e financiada ao 80% pola Unión Europea, suporá un antes e un despois na interpretación deste espazo público, cuxo peso substancial na vida da cidade mudou progresivamente desde a segunda metade do século XX onde os vehículos a motor e os novos itinerarios foron restando vida e reducindo os usos da vía ao tránsito rodado e o estacionamento. “Apostamos por recuperar este espazo para as persoas favorecendo que a Calzada e a súa contorna recupere actividade social e comercial”, explicou a rexedora.

O ámbito de actuación, de 640 metros de lonxitude, abarca a explanada diante da Ponte Romana, a rúa Calzada da Ponte, o acceso desde o enlace da Volta da Viña coa N-VI e os ramais de San Lázaro e de acceso á N-VI, así como o viario cara o Balneario. “Esta actuación permitirá a medio prazo dinamizar a iniciativa particular e fomentar a rehabilitación de vivendas nunha zona de enorme potencial residencial.De feito, non quixemos deixar pasar a oportunidade de soterrar os servizos e aproveitouse igualmente para reparar mellorar a rede de saneamento”, concluíu Méndez.