Skip to main content
Lugo

Convocada para a próxima semana unha reunión da Comisión de Festas

Por 12 Agosto, 2023Agosto 13th, 2023Sin comentarios

A Comisión de Festas reunirase a próxima semana para valorar os avances realizados pola área de Cultura de cara ao San Froilán 2023. Segundo explicou Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, “estamos a ultimar os preparativos do San Froilán, que volverá este ano cunha programación diversa pensada para todas as veciñas e veciños de Lugo”.

Ferreiro explicou que “distintas cuestións relacionadas coa organización das festas están xa avanzadas, como a feira Gastroarte ou os postos de venta, mentres que seguimos a traballar na cobertura da caseta do polbo que quedou deserta o ano pasado”.

Nos procedementos de licitación realizados nas últimas semanas cubríronse a totalidade dos postos de venta das rúas Rodríguez Mourelo, García Portela e da Praza Maior, cubrindo os postos aos que non se presentou ningunha empresa o ano pasado. 

Do mesmo xeito, a feira de artesanía Gastroarte continúa en proceso de avaliación polos servizos técnicos do Concello de Lugo. 

As distintas atraccións do recinto feiral e o alumeado ornamental teñen xa o procedemento rematado, ao prorrogarse o contrato do ano anterior, do mesmo xeito que as casetas e caldeiros do polbo números 1, 2 e 4. 

A área de Cultura retomará a licitación da caseta número 2, despois de quedar deserta no procedemento iniciado durante o verán, “co obxectivo de que este ano se cubran a totalidade dos postos”, explicou Maite Ferreiro.