Skip to main content
Lugo

A campaña ‘A túa saúde’ busca sensibilizar á mocidade sobre o consumo responsable de alcol

Por 18 Agosto, 2023Agosto 19th, 2023Sin comentarios

Comeza unha nova campaña de sensibilización sobre o consumo responsable de alcol posta en marcha pola área de Xuventude do Concello de Lugo en colaboración coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL). A través desta iniciativa, baixo o título A túa saúde o Concello elaborará diferentes materiais divulgativos, como dípticos ou mupis, que serán instalados no núcleo urbano e que conterán información relacionada coa mesma.

“Así mesmo, todos os establecementos da cidade que desexen adherirse recibirán, ademais dun distintivo de local colaborador, materiais como carteis ou pousavasos con códigos QR que enlazan coa páxina do Ministerio de Sanidade na que se proporciona información sobre a prevención do consumo de alcol en menores, consellos, etc”, explicou o concelleiro.

A campaña, enmarcada no programa +Xti financiado polo Ministerio de Sanidade, a través do Plan Nacional sobre Drogas, trata, por unha banda, de sensibilizar á mocidade con información para que coñezan os riscos do consumo de alcol e as súas consecuencias negativas na saúde a curto e longo prazo; e, por outra, aborda co sector a venda responsable de alcol desde os seus establecementos e como actuar ante situacións de intoxicación por parte da clientela.

“Deste xeito, buscamos sensibilizar e, ao mesmo tempo, resaltar o valor e a importancia dos profesionais en relación ao consumo e dispensación de alcol, un factor máis no ámbito preventivo, en prol dunha sociedade máis responsable e saudable e cunha maior calidade de vida”, engadiu Bustos, quen presentou a iniciativa este xoves acompañado do presidente da APEHL, Cheché Real, e do xerente de Taberna Daniel, establecemento adherido á mesma.