Skip to main content
Lugo

“Sufrimos unha problemática moi grave de fumes dende hai anos”

Por 19 Agosto, 2023Agosto 21st, 2023Sin comentarios

Concha Carballés Vázquez é a presidenta da Asociación de Veciños do Vilar

Cando e como nace a Asociación de Veciños do Vilar?

A asociación nace como asociación de veciños do núcleo de Vilar coa idea de solucionar diferentes problemas que xurdiran, pensando por exemplo en xuntar fondos para arregar a pista. Os primeiros trámites para crear a asociación realizáronse no 2006 e inscribiuse de xeito oficial no ano 2007. Os veciños de Vilar estamos a sufrir unha problemática de fumes moi importante dende hai anos e a nosa actividade principal centrouse niso por iso o ano pasado decidimos realizar o cambio e converternos nunha asociación ecoloxista. 

Cantos socios integran a asociación?

Agora mesmo somos arredor de 23 persoas.

Como foros os primeiros anos do problema de fumes?

Nun primeiro momento nós puxémonos en contacto coa fábrica para ver que se podía facer para solucionar tanto o problema do fume como tamén un problema de ruídos que había. Estes primeiros diálogos coa fábrica nunca foron a bo término, malia que si que se foi solucionando bastante o problema de ruídos con respecto aos fumes dende a empresa dixéronnos que nos tiñamos que acostumar a eles, por iso despois de anos pelexando con este tema recomendáronnos facer un cambio a asociación ecoloxista para poder ter máis percorrido. 

Realizan algunhas actividades durante o ano? 

Non realizamos actividades fora desta loita, porque nesta zona a xente vai e ven, e que vivamos aquí de continuo somos cinco vivendas pero a maioría vén pasar as fins de semana. Si que falamos de facer algunha actividade pero de momento as nosas forzas están en solucionar este problema. 

Como está actualmente a situación con respecto aos fumes?

Nesta zona estamos a sufrir uns niveles moi altos de fumes tóxicos, hai días que se fai difícil respirar e por exemplo un dos nosos veciños xa foi a urxencias en dúas ocasións porque non respiraba. Non podemos abrir as ventás pola noite para refrescar porque o fume provoca tose e picor de ollos.  A raíz de que non resultasen as conversacións coa fábrica enviamos diferentes escritos á Xunta para solicitar o control destes niveis de fume e a resposta da administración autonómica foi que cumprían a normativa e que contaban con autorización ambiental integral. Sen embargo os controis que realizaba a Xunta consistían en medir quince días de verán e quince días de inverno a calidade do aire sen comprobar en que condicións se tomaban as medicións, medidas para nós insuficientes. Como consecuencia de non obter ningún tipo de solución comezamos a realizar diferentes concentración a raíz das cales obtivemos o apoio do BNG, coincidindo tamén coas eleccións, que mantivo varias reunións con nós e levou unha iniciativa parlamentaria coa nosa problemática. Grazas a isto a conselleira de Medio Ambiente comprometeuse a colocar uns medidores antes de finais de ano. Recollemos firmas para que realizaran esta instalación xa, e dende a Xunta responderon que a data límite para contestar era o 14 de xaneiro de 2024 e agora estamos a espera. 

Teñen algún outro problema? 

Si, unido a isto tamén hai un problema de vertidos. Nós pedimos tamén á Xunta a información das autorizacións que tiña a fábrica pero responderon que non era da súa competencia, que nos tiñamos que dirixir á organización competente e puxémonos en contacto coa Confederación Hidrográfica que nos denegou esta información. O seguinte paso foi acudir ao xulgado, pola vía contencioso administrativo e nesta ocasión si que nos deron a información que solicitamos onde aparece que todos os informes dende que abriu ata xuño do ano pasado eran negativos, é dicir, denegando a autorización de vertidos porque non tiña os requisitos mínimos da fábrica. Nós o que queremos é que a fábrica funcione, pero nas condicións adecuadas, respectando o medio ambiente, a saúde da xente e dos seus propios traballadores. Non temos ningún interese en que pechala, temos que vivir todos, que isto é de todos. 

Teñen algún apoio dalgunha administración ou asociación?

Recibimos apoio de Ecoloxistas en Acción que acudiu con nós ás concentracións e ademais tamén enviou varios escritos. Ao Concello levamos anos pedíndolles que nos remitan os informes de impacto ambiental que fixera a fábrica pero nunca nos responderon. Tanto a Xunta, o Concello coma a Confederación Hidrográfica miraron para outro lado, a única implicación a nivel administrativo que houbo foi o BNG coa iniciativa parlamentaria. Trabállase moito agora por ter en conta o impacto medio ambiental, por reducir o uso de coches pero isto, que se aprecia o fume dende Lugo, ninguén se preocupou. 

Que farán proximamente?

Imos realizar un escrito para solicitar á Xunta que ademais do medidor que se comprometeron a situar en Vilar antes de xaneiro se realice outro tamén na zona de Nadela. Eles argumentan que nesa dirección xa está o medidor de Fingoi pero está situado a oito quilómetros e pensamos que esa medición non é indicativa da contaminación real que sofren os veciños de Nadela.