Skip to main content
Lugo

Os populares preguntan pola tala de árbores no patio do Fogar de Santa María

Por 21 Agosto, 2023Sin comentarios

Á vista dos traballos que se realizados na tarde do sábado nas árbores do Fogar de Santa María, o voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, pregúntase “se o goberno da Deputación ten algo que ocultar”. De feito, cre que estes traballos se están a facer “pola porta de atrás, como se os quixeran facer a escondidas, con nocturnidade e aleivosía”.

Patrimonio Natural paralizara a comezos de maio a tala das árbores no espazo do antigo hospital de Santa María onde está proxectado un aparcamento.

O popular incide agora en “saber se a Deputación conta con tódolos permisos necesarios para realizar estes traballos” porque “non nos consta e queremos saber se os ten. O día e a hora na que están facendo os traballos, non parece indicar que sexa algo demasiado regular, autorizado ou feito de forma ordinaria”. Polo tanto, “esixiremos explicacións e, no caso de haber irregularidades, esixiremos responsabilidades”.

“Parece que tanto a Deputación coma o Concello teñen moi clara a súa política, a de desertizar, eliminando calquera vestixio de zona verde en todo casco urbano”, indica Ameijide. Nese sentido, engade que “nos chama a atención a defensa do medio ambiente por parte do presidente da Deputación e da alcaldesa de Lugo á hora de impedir e boicotear a rolda leste, pero agora non teñen reparos en tirar as árbores a escondidas en pleno casco histórico”.

Ameijide sinala que “non nos estraña que non nos deixaran entrar no Fogar de Santa María, a comezos deste mes, á vista do que están a facer agora ás agochadas”.