Skip to main content
Lugo

Regresa o Vaia Vaia a finais de setembro

Por 22 Agosto, 2023Sin comentarios

O 23 e 24 de setembro terá lugar a cuarta edición de Vaia Vaia, co mercadiño de fanzines e derivados que será o punto de encontro principal ao redor do cal se organizará o resto do programa de actividades.

As persoas interesadas en participar no mercadiño só teñen que encher e enviar o formulario antes das 23:59 do día 5 de setembro.

O Encontro de Fanzines e Autoedición Vaia Vaia é unha nova proposta cultural enmarcada na programación do último trimestre do ano. Está concebida como unha mostra cultural que propón explorar e descubrir o traballo artístico de particulares e asociacións de xeito participativo, colorista, amable e culturalmente aberto e activo.

Durante dous días Lugo acollerá unha feira do fanzine e da autoedición, unha reunión pública e aberta a todas as persoas interesadas nas publicacións independentes e autoxestionadas. O obxectivo mesmo é “abrazar o amateur e abrir as portas ás creadoras de Lugo que aínda non se deron a coñecer ou que nunca se atreveron a participar nun evento destas características”, segundo explican os organizadores.

O punto de encontro principal de Vaia Vaia será o mercadiño de fanzines que se ubicará na rúa Soto Freire, e que contará con 20 artistas. Ao mesmo tempo, organizaranse distintas actividades para abarcar contidos que supoñan mergullarse na linguaxe da ilustración, a creación literaria, o grafismo e as artes visuais. Tamén se contará con distintas actuacións musicais para completar a programación do evento. “Todas as actividades serán de balde e seguirán os protocolos de prevención que vimos aplicando en todas as actividades culturais para garantir a Cultura Segura”, explicou Maite Ferreiro.