Skip to main content
Lugo

Lugo en Pé reclama á Xunta colaboración económica nas obras de saneamento do rural

Por 23 Agosto, 2023Sin comentarios

A plataforma Lugo en Pé … en Defensa do Rural, impulsada por colectivos veciñais, empresariais e sociais relacionados co Mundo Rural, queren facer pública a súa posición ou postura en contra ao Saneamento Rural no Concello de Lugo, así como tamén a súa posición respecto ao canon da auga, que obrigatoriamente pagan os lucenses no recibo da auga.

Dentro do recibo da auga todos os lucenses abonan o chamado canon da auga. Nos últimos anos, os lucenses achegaron arredor de catorce millóns de euros en concepto de canon da auga. Deste diñeiro que ingresa o Concello e transfírelle á Xunta de Galicia, destinado a temas de Saneamento non se investiu nin un só euro por parte da Xunta de Galicia en ningunha das 54 parroquias do Concello de Lugo.

“Os lucenses que vivimos no Concello de Lugo gustaríanos saber a que se destinaron estes catorce millóns que saíron dos nosos petos (en concepto de canon da auga) e dos cales insistimos non retornou nin un só euro en obra de Saneamento (por certo, moi necesarias) ao Concello de Lugo, por parte da Xunta de Galicia”, dixo.

“O noso posicionamento é moi claro. Pedímoslle á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia que non nos discrimine máis e que todo o achegado polos lucenses que vivimos no Concello de Lugo, en concepto de Canon da auga, sexa destinado a obras de Saneamento no propio Concello de Lugo”, din.

Sobre os saneamentos indican que xa saben que é unha competencia municipal, pero dado os elevados custos que supón sanear 54 parroquias cunha poboación dispersa, os custos para levar as obras de saneamento son moi elevados e requiren a implicación non só do Concello de Lugo senón da Xunta de Galicia.

“Como exemplo lembraremos que houbo épocas onde se aplicou ao saneamento o chamado 70-30 (70% achega da Xunta de Galicia e 30% achega do Concello de Lugo) para efectuar as obras de Saneamento no Concello de Lugo”, explican.

Afirman que nos últimos anos o Concello de Lugo presentou 5 proxectos de saneamento de 5 parroquias luguesas á Xunta de Galicia e esta “non se dignó a colaborar con ningún destes proxectos, cando como sinalamos anteriormente, levan recadados catorce millóns de euros en concepto de canon da auga”.

Lembran que na actualidade está a elaboración do proxecto de saneamento para a parroquia de Esperante. “Un proxecto de vital importancia porque podería dar servizo de saneamento á área industrial do polígono da Louzaneta, ao hospital de Calde, á parroquia de Esperante e ás da súa contorna. Recentemente, vimos nos medios de comunicación que a alcaldesa de Lugo presentou ao presidente da Xunta a petición de colaboración económica á Xunta de Galicia para acometer este proxecto, de vital importancia. Pedimos á Concelleira de Medio Ambiente que se manifeste publicamente contorna á colaboración con este proxecto”.

Avanzan que nas recentes eleccións municipais, os medios de comunicación trasladaron á opinión pública en reiteradas ocasións, que a candidatura do Partido Popular (PP) ao Concello de Lugo mostraban como unha das súas maiores preocupacións o saneamentorural das parroquias. “Agora en Grupo Municipal do PP no Concello de Lugo ten a gran oportunidade de conseguir que os seus colegas da Xunta de Galicia que dispoñan das partidas económicas para solucionar o problema do saneamento rural do Concello de Lugo. Si non é así, entenderiamos, que o Grupo Municipal do PP no Concello de Lugo estivo a vendernos fume e promesas para non cumprir”, conclúe.