Skip to main content
Lugo

Augas de Galicia contesta ás asociacións veciñais que investiu cen millóns en actuacións en Lugo

Por 24 Agosto, 2023Sin comentarios

A Xunta de Galicia contestou ás asociacións veciñais lucenses que os investimentos realizados por Augas de Galicia en Lugo son moi superiores á recadación do canon. De feito, explica que se hai un concello da provincia beneficiado polo efecto do canon da auga ese é precisamente o de Lugo. “Só neste concello o canon da auga permitiu mobilizar máis de 100 millóns de euros en actuacións tan relevantes e necesarias como a ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais de Lugo, os colectores do río Miño, o acondicionamento da marxe dereita do río Miño, ou as Melloras do saneamento na zona da Piringalla, entre outras actuacións”.

Co respecto ao desenvolvemento do proxecto de augas residuais na N-540 en Esperante, “o Goberno Galego pediu o pasado mes de marzo ao Concello de Lugo que mellorara o documento técnico presentado, a desde entón estamos pendentes de recibir a nova versión”. En concreto, a Xunta pediu a correción das deficiencias atopadas no proxecto, e que se recollan as tramitacións necesarias e os condicionantes esixidos por outras administracións, entre elas o propio Ministerio, porque unhas obras desta magnitude requiren un grado de definición do que carece o proxecto presentado polo Concello.

A Delegación Territorial aclara que “pese a que segundo se establece na Lei reguladora das bases do réxime local, os concellos exercerán como competencias propias o abastecemento de auga potable a domicilio e a evacuación e o tratamento das augas residuais, desde a Xunta seguimos a colaborar co Concello de Lugo na execución de actuacións que son da súa competencia, a pesares de ter unha poboación que sería idónea para acadar unha xestión da auga autosuficiente”.

Ademais, o canon da auga ten carácter finalista, é dicir, financia única e exclusivamente a actividade da administración relacionada con actuacións en materia de abastecemento, saneamento e explotacións de depuradoras de augas residuais, xestión de secas e inundacións, xestión dos ríos, e demais orientada a contrarrestar os efectos deste uso e consumo. A recadación do canón se inviste en obras prioritarias, que na provincia de Lugo ten permitido mobilizar máis de 200 millóns de euros desde o ano 2009 en distintas actuacións relacionadas coa xestión da auga repartidas pola maioría dos concellos.