Skip to main content
Lugo

Eliminadas en Lugo máis de 6.000 raíñas de vespa velutina

Por 25 Agosto, 2023Agosto 27th, 2023Sin comentarios

O Concello vén de eliminar máis de 6.000 raíñas de vespa velutina a través dunha campaña de trampeo profesional.

En total, o Servizo de Protección Civil distribuíu un total de 2.500 trampas dende a primavera (1.500 máis que o ano anterior), concentrando os esforzos na contorna rural onde se aglutinan a maior parte dos enxames, xa que existen determinadas especies como as camelias ou as árbores froiteiras que resultan un reclamo para a especie e, por tanto, os cebos son máis eficaces.

“Sen dúbida a adquisición dun maior número de trampas permitiunos aumentar as capturas e polo tanto esta tempada podemos falar dun incremento substancial de niños eliminados o que axuda ao seu control no conxunto do termo municipal”, informou o tenente de alcaldesa.

As trampas adquiridas polo Executivo local están certificadas e contan con varios orificios de entrada cubertas cun túnel de concentración de cheiros que evita o escape dos insectos atrapados. Ademais, dispoñen dun sistema para o baleirado e outro de ancoraxe para colocalas en altura. Así mesmo, o líquido atraínte para vespa velutina que serve como cebo contén unicamente estratos de plantas e está formulado para non atraer ás abellas, cumprindo así os máis altos estándares medioambientais.

As vespas capturadas morren nas trampas e son recollidas e almacenadas en recipientes herméticos que son transportados polo Servizo municipal de Protección Civil para a súa posterior xestión ambiental cumprindo de forma estrita a normativa. “Na loita contra esta especie invasora é fundamental acoutar o número de raíñas, pois se estima que aparecen uns 6.000 exemplares por niño, cifra que crece de forma exponencial a medida que medra a comunidade sen non se actúa cedo”, indicou o concelleiro.

Miguel Fernández explicou, así mesmo, que o investimento total na campaña deste ano superou os 17.000 euros, “pero este traballo permítenos garantir un mínimo de seguridade para a poboación contribuíndo, na medida das nosas posibilidades, ao control desta praga cuxa competencia – de carácter autonómico – se está a desenvolver de xeito deficiente por parte da Xunta de Galicia ante as continuas demandas de atención que traslada á cidadanía”, concluíu o edil.