Skip to main content
Lugo

Remata o proceso de expropiación para ultimar o desdobre de Infanta Elena

Por 28 Agosto, 2023Agosto 29th, 2023Sin comentarios

A Xunta de Goberno Local validará este mércores a aprobación inicial dámbolos dous documentos antes de sometelos a información pública polo prazo dun mes.

A área de Sostibilidade Urbana que dirixe Paula Alvarellos dispón xa dos proxectos de expropiación e urbanización que permitirán desdobrar a II Fase da Avenida Infanta Elena.

Así o anunciaba esta mañá a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que daba traslado tamén de que ambos os dous documentos serán aprobados inicialmente en Xunta de Goberno Local esta mesma semana.

“Avanzamos así no compromiso dado hai tan só uns meses, da man da Deputación, de concluír a humanización e acondicionamento dunha das principais vías de acceso da capital. Unha intervención que completará o primeiro treito xa executado e posto a disposición da veciñanza que, sen dúbida, supuxo un antes e un despois para a mobilidade no municipio”, sinalou a rexedora.

Méndez explicou que “a ocupación que precisa esta actuación afectará en total a 8.206’28 m² nos que se concentran un total de 36 parcelas. Delas, 29 – cunha extensión de 5.301’02 m² – só se utilizarán de xeito temporal o que terá un custo de 44.208’43 €. Estes terreos pertencen a 17 propietarios e se suman a 7 predios máis, doutros tantos titulares (7) que abranguen 2.905’26 m² de superficie e cuxo valor ascende 103.163’90 €, elevando o importe do proxecto no seu conxunto aos 147.372’33 €”.

Os textos se someterán a exposición pública polo prazo dun mes trala súa validación este próximo mércores, cando tamén se acordará formalizar unha encomenda ao entre provincial para que proceda a realizar as xestións vinculadas á tramitación das devanditas expropiacións “co fin de aceleralas o máximo posible”.

“Todo o procedemento estase a desenvolver de xeito simultáneo á licitación das obras iniciada pola Deputación para acompasar os tempos de tramitación e axilizar o inicio dos traballos”, salientou Lara Méndez. “Esta é a mellor mostra do tipo de colaboración interadministrativa que resulta útil para a veciñanza e para a cidade e que nos merecemos todas e todos os lucenses. Aquela que camiña acompasada, que se basea no entendemento pero, sobre todo, a que se materializa con responsabilidade e centrada en procurar o interese xeral e non supeditando este a outro tipo de réditos”, sostivo a alcaldesa.

A continuidade do desdobramento de Duquesa de Lugo, no que se investirán preto de 1’5 millóns de euros, suporá, ao igual que na anterior fase, a ampliación da calzada de xeito que non só reverterá na seguridade do tráfico rodado e peonil senón que tamén servirá para seguir gañando espazos para o esparexemento público.