Skip to main content
Lugo

Unha empresa preséntase para xestionar a cafetería do Vello Cárcere

Por 29 Agosto, 2023Sin comentarios

O Concello de Lugo recibiu unha única oferta para concorrer á concesión que regula a xestión da cafetería do Vello Cárcere.

Os termos da adxudicación – que terá unha cota mínima de explotación de 100 € mensuais e unha duración inicial de 10 anos, prorrogables por outros cinco – son exactamente os mesmos que os recollidos na anterior convocatoria.

“Isto constata a idoneidade dos últimos pregos presentados, en tanto resultaban acertados e atractivos para favorecer a explotación do establecemento, ao tempo que nos indica que a actividade económica de Lugo se está a recuperar e volve a existir interese empresarial por levar adiante novas iniciativas como así o advertimos cando retomamos o proceso”, afirmou a tenenta de alcaldesa e responsable de Contratación, Paula Alvarellos.

A concelleira explicou tamén que este próximo xoves, día 31 de agosto, se celebrará a mesa para avaliar a proposta presentadas e resolver o concurso. Na súa valoración os técnicos municipais terán en conta, ademais do aspecto económico, a innovación ou a calidade das melloras que implique para o establecemento en termos estéticos.

“Somos conscientes de que a súa posta en marcha esixirá de certo investimento para dotalo de mobiliario e completar o seu equipamento polo que agardamos que este esforzo redunde tamén no conxunto da cidade convertendo a Cafetería do Vello Cárcere non só nun novo punto de encontro social e referente gastronómico, senón tamén nun reclamo turístico que aproveite a súa privilexiada ubicación”, sinalou Alvarellos.

Cómpre lembrar que para este mesmo fin o Executivo de Lara Méndez destinou preto de 30.000 euros no acondicionamento e modernización do local creando un acceso independente, nun dos laterais do inmoble, orientado a que a súa apertura e peche non estivera supeditado ao horario do recinto cultural, así como a diferentes melloras relacionadas coa accesibilidade.