Skip to main content
As Nogais

O PSOE das Nogais defenderá no Pleno unha moción para incrementar a achega ao Servizo de Axuda no Fogar

Por 7 Agosto, 2023Sin comentarios

A voceira socialista das Nogais, Sonia Fernández, defenderá no vindeiro Pleno unha moción para reclamar ao Concello que incremente a súa achega ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e corrixir así as deficiencias dunha prestación fundamental para a veciñanza da localidade.

“Ao  longo destes días recibimos moitas queixas da veciñanza que nos alerta da situación de abandono e desprotección de moitas familias, que denuncian que non están sendo atendidas correctamente nos seus domicilios”, asegurou a socialista, que enumerou algunhas das deficiencias que apuntan os usuarios e usuarias: “Non se están cumprindo os horarios establecidos, nin tampouco as datas asignadas nos seus domicilios, redúcense as horas dedicadas aos grandes dependentes ou retírase o servizo nalgún domicilio, sen ningunha explicación por parte do Concello”.

Nese sentido, Sonia Fernández destacou que a situación “está provocando nas familias unha situación caótica e anómala que xera moitos problemas de conciliación”. Lembrou que o concello das Nogais conta con menos de 900 habitantes e cunha poboación “altamente envellecida” e que “máis da metade das traballadoras do servizo no concello están de baixa médica, 8 de 16, sen que se cubran esas prazas e sobrecargando con máis horas ao resto”.

Propón a socialista a creación dunha bolsa de emprego para resolver o problema e instará ao equipo de Goberno local a “que adopte medidas urxentes para rematar coa precariedade asistencial no SAF, incrementando a súa partida económica co fin de cumprir coas súas obrigas”.