Skip to main content
Folgoso do Courel

Remata o CourelSon esta fin de semana cun concerto de Mercurín e un de Seceda

Por 4 Agosto, 2023Agosto 5th, 2023Sin comentarios

Esta fin de semana, a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel organiza as últimas actividades no marco do CourelSon, sendo a primeira a do grupo Jarbis e a segunda da cantante Nastasia Zürcher & The Beauty Full Band; ambas ás 20.30 horas e de balde.

Ademais, durante a fin de semana o mel será o protagonista, xa que o vindeiro 10 de agosto será a Feira do Mel de Quiroga, polo que durante a fin de semana pretenderase amosar o territorio e aos que traballan por el.

Programación da fin de semana

Así, o sábado 5 ás 10:30 horas haberá unha saída cos que se animen polos arredores de Mercurín, nunha ruta de baixa dificultade que rematará cunha visita a sé de Mel O Galeirón, onde Branca e Diego, os seus apaixonados propietarios, explicarán todos os segredos do seu traballo.

Xa na tarde do sábado, a partir das 18:00 horas, e aproveitando que Seceda é outro dos núcleos fundamentais na elaboración do mel na serra, haberá unha visita ao albar rehabilitado da Escontrela. Alí María, de CouMel, ofrecerá un curso rápido da evolución histórica dos trobos e colmeas.

Ademais, para esta visita contarase cun convidado relator de luxo, Guillermo Palomero, presidente da Fundación Oso Pardo, que introducirá aos asistentes no traballo que se está facendo en toda a Cordilleira Cantábrica para a protección deste animal sen o cal non entenderiamos tampouco a arquitectura típica da serra e, en concreto, dos arredores de Seceda.

Xa para rematar, o domingo 6, a partir das 10:30 horas, será o momento de saír pasear por Seceda en grupo e así coñecer e comprender de primeira man a paisaxe e a historia deste pobo e, xa que logo, do Courel. Tamén haberá saborosas e doces sorpresa para os que asistan ás actividades.