Skip to main content
A Pobra do Brollón

Catro días de espectáculos de maxia e humor en Monforte no evento ‘A rúa é vosa’

Por 12 Agosto, 2023Agosto 13th, 2023Sin comentarios

A novena edición do Festival cómico festivo “A Rúa é Vosa” volverá a ser protagonista do programa das Festas Patronais de Monforte durante os días 12, 13, 14 e 16 de agosto.

Destinado a un público infantil e familiar, son actividades de rúa de carácter gratuíto, que encherán de espectáculos de música, maxia, acrobacias aéreas, paiasos, monicreques, mimo, circo e danza a Praza de España e a rúa do Cardeal.

O sábado terán lugar as actuacións de ARA Andrea Ríos ás 13.00 horas na praza de España, que realizará un espectáculo de circo contemporáneo que fusiona as linguaxes do teatro e da danza xunto coas técnicas de acrobacia aérea (multicordas e suspensión capilar). Neste espectáculo, para todos os públicos, combínanse diferentes técnicas artísticas como teatro xestual, danza e acrobacias aéreas. Da mesma forma, ás 19.30 horas, ARA volverá cunha experiencia sensorial entre a forza feminina, o voo e a poesía do movemento.

Pola súa parte, o domingo 13 de agosto actuará Lola Mento con maxia e comedia ás 12.00 horas e na rúa do Cardeal. O seu espectáculo Lolamentado é un espectáculo polifacético de maxia, humor e improvisación para todos os públicos. Tamén ás 20.00 horas e na praza de España terá lugar a segunda das actuacións de Lola Mento, maga, actriz e show woman poli patética que utiliza a súa comicidade e a súa pouca vergoña para unha comunicación potente e directa co público.

Por outra banda, ás 13.00 horas e na praza de España Pepes Show representará o seu espectáculo Surprise, unha caixa misteriosa chea de sorpresas está a punto de estourar liberando dúas particulares personaxes, as cales aproveitarán este peculiar suceso para enredar co público e facelo partícipe das máis divertidas e aloucadas situacións. Tamén ás 19.00 horas Pepes Show representará do seu espectáculo Surprise.

Próxima semana

Xa o luns, 14 de agosto a compañía Barafunda representará o seu espectáculo Lolo Globotolo ás 13.00 horas, que fará as delicias dos máis pequenos e sorprenderá ós máis grandes e volverá estar ás 20.00 horas na praza de España cun espectáculo dende unha perspectiva cómica e interactiva en que o público se sentirá parte integrante.

Por último, o mércores, 16 de agosto, a rúa do Cardeal acollerá ás 13.00 horas a maxia e clown de O mago Paco e o seu espectáculo Ledicias 2.0. con xogos, participación e moito humor sorprenderán tanto a nenos e nenas como a maiores co seu peculiar estilo, e de novo ás 19.00 horas. Ademais, ás 13.00 horas terá lugar na praza de España Cuacuac, por parte da compañía N+1, que volverá ás 20.00 horas.