Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Manuel López, de Camiño Francés Carpintería Metálica: “O importante é a eficacia no illamento”

Por 13 Agosto, 2023Novembro 24th, 2023Sin comentarios

Falamos con Manuel López Piecho, xerente da empresa Camiño Francés Carpintería Metálica de Sarria.

Que servizos ofrecen?

Dedicámonos tanto á fabricación como á venda e instalación de ventás de aluminio e PVC, así como portas de garaxe (corredías seccionais e abatibles), peches, cubertas de chapa e policarbonato, mosquiteiros, pantalla de ducha, mobles de aluminio e en xeral todo tipo de estruturas metálicas de aluminio soldado e ensamblado. Ademais, realizamos o seu servizo de reparación e mantemento.

En que ano se implantou a empresa e como xurdiu a idea de poñela en marcha?

A actividade da empresa neste momento é a mesma que se desenvolveu dende hai trinta anos, mais pasando por distintas etapas, titularidade e nome de empresa. O actual Camiño Francés asumiu a continuidade do negocio no 2021.

Como é o trato cos clientes? 

Temos clientes que son profesionais da construción, particulares e subcontratacións doutras empresas dedicadas ao mesmo sector.

Porén, nós non facemos ningún tipo de distinción neste aspecto, dedicamos toda a nosa atención a cada cliente para intentar satisfacer as súas demandas e necesidades.

Ofrecémoslles material de calidade e asumimos o maior compromiso posible á hora de realizar o noso traballo con todas as garantías.

Teñen clientes habituais e fieis?

Temos moitos clientes habituais que son profesionais, especialmente da construción, pero tamén moitos particulares máis ocasionais que solicitan os nosos servizos, tanto para obras novas como para a restauración de obras antigas, así como o seu mantemento e reparación.

En que consiste a carpintería de aluminio?

A carpintería de aluminio, tal e como indica o seu nome, consiste na rama da carpintería que traballa este material, xa sexa para fabricar mobles, portas, ventás, persianas, separadores de ambientes… En definitiva, calquera tipo de accesorio, produto ou estrutura ó que se lle poida dar forma con este material.

Que beneficios supón este tipo de carpintería para as construcións que fan?

En primeiro lugar, o maior beneficio que reportaría a unha construción a elección dunha boa carpintería é garantir a eficacia no illamento térmico e o acústico.

Tamén ofrece a máxima estanquidade contra o vento e a auga. Todo isto contribúe notablemente ao aforro enerxético.

Que tipos de construcións se fan?

En xeral, fanse todo tipo de ventás e portas (oscilo batentes, oscilo paralelas, corredías elevables, abatibles, etc.) e tamén peches de vivendas e peches exteriores de leiras, cos distintos sistemas que temos a disposición dos nosos clientes.

Ademais, podemos dar ás construcións un aspecto máis rústico ou máis moderno a petición do cliente.

Algún traballo digno de mención?

Temos feito moitos tipos de traballos, pero ocórreseme mencionar, por poñer un exemplo, unha das obras máis interesantes e vistosas que temos feito até agora: a casa de Diego López, un dos mellores porteiros do fútbol españois e internacionais, que se supera coa súa condición como persoa.

Cren que os seus clientes están satisfeitos co traballo que fan?

Entendemos que si, dado que pola nosa parte estamos á total disposición dos nosos clientes e tratamos de satisfacer todas as necesidades que lles poidan xurdir.

Que novidades hai no sector este ano?

Neste sector, como en moitos outros, está habendo continuamente novidades que contribúen á mellora non só no tema do illamento, senón tamén do deseño para mellorar a luz e o confort.

Dispoñemos dunha infinidade de cores e acabados que, ademais de mellorar o aspecto dunha vivenda, tamén alonga a vida útil do material. É seguro, non inflamable e respectuoso co medio ambiente.

Algo máis que dicir sobre o seu negocio?

Na nosa carpintería achegámonos até a súa vivenda para realizar as tarefas de medición da obra que sexa preciso realizar e elaborámoslle un presuposto, sen ningún tipo de custo adicional nin compromiso.