Skip to main content
Cultura SARRIAXAParadela

Unha nova asociación en Paradela unirá aos propietarios de leiras para darlles uso

Por 27 Agosto, 2023Agosto 28th, 2023Sin comentarios

Falamos con Roberto, enxeñeiro que forma parte da Asociación de Propietarios Ribeira de Sucastro-Paradela e nos explica en que consiste o seu obxectivo.

A Asociación de Propietarios Ribeira de Sucastro-Paradela é unha nova asociación creada por algúns veciños e veciñas de Paradela co fin de recuperar e xestionar conxuntamente as leiras en propiedade dos veciños propietarios destes terreos e participantes da asociación.

Coa colaboración do Concello de Paradela, que promoveu a creación deste novo proxecto no municipio e iniciou os contactos entre os veciños, os propietarios das leiras en desuso mantiveron varias reunións para cumprir coas mínimas esixidas para poder constituír esta asociación de labor conxunto.

Roberto, enxeñeiro e parte desta asociación, defende que a asociación serve para ter unha figura xurídica e poder tramitar o proceso mentres están “nesa fase de investigación e de contacto cos propietarios”. Ademais, sostén que “a iniciativa ten boas perspectivas”.

Así, explica que “a finalidade é clara: axudar a recuperar o uso e aproveitamento de terreos que non o tiñan”. Desde a asociación argumentan que hai zonas que foron antigos soutos e montes de ribeiras, ladeiras con bastante pendente no río Loio e “quedou ese terreo en desuso durante moito tempo, máis de 50 anos, sen ningún tipo de actividade; e o feito de agruparse podería permitir recuperar algún tipo de uso destas zonas e facelo de forma colectiva para darlle rendibilidade económica, xa que por si mesmo non se pode”.

OS TERREOS

Desde a asociación, explican que hai 31 propietarios de terreos integrados na asociación que teñen as súas leiras repartidos en dúas parroquias, San Lourenzo de Suar e San Mamede de Castro.

As 231 parcelas catastrais, que se atopan na ribeira do río Loio, ocupan arredor de 60 hectáreas, aínda que explican que pode variar a extensión na versión definitiva do estudo que están a facer.

Estas leiras son, na súa maioría, de monte arborado autóctono e de natureza forestal, polo que non poderían ser dedicadas á gandería ou á agricultura, senón máis orientados a conseguir froito ou similares.

Así, din ter unha idea previa de que tipo de explotación queren levar a cabo cando poidan acometer os traballos nelas e esta é a produción de castaña, que ademais é un dos cultivos con máis hectáreas cultivadas en ecolóxico porque son en extensivo e, neste caso, “é sinxelo facelo sen aplicación de sumos e xestionalos con técnicas agroecolóxicas, pero é precipitado porque non sabemos os usos”, explican desde a asociación.

Ademais, argumentan que este tipo de terras requiren “un traballo máis exhaustivo tendo en conta que existen masas de soutos e castiñeiros”. Aínda así, recoñecen que, a pesar de que todo indica a que poden recuperarse para a produción de castaña, “haberá que velo parcela por parcela”.

Por outra banda, é necesario esperar a aprobar a constitución da asociación, ao proxecto de ordenación e a definir os proxectos de actuación en cada unha das zonas para comezar a acometer traballos a medio prazo.