Skip to main content
O Incio

A iniciativa ‘Fontes de palabra. A memoria da auga’ celébrase hoxe no Incio

Por 19 Agosto, 2023Agosto 21st, 2023Sin comentarios

A Sociedade Deportivo Cultural de Laiosa, no Incio, retoma a súa actividade cunha gran actividade o vindeiro 19 de agosto, ‘Fontes de palabra. A memoria da auga’, un evento festivo, etnográfico, cultural, feminista, participativo, artístico, gastronómico e interxeracional.

A xornada comezará ás 11.00 horas no Campo do Carrascal, onde comezará a ruta da sede ás 11.30 horas e que incluirá unha visita á Fonte Busto, á Fonte da Pincheira e á Fonte San Marcos sobre ás 13.00 horas.

Neste espazo, ambientado pola exposición de fotografías antigas de Laiosa, olería e cestaría vinculada ás fontes. falarase da fonte de Sa Marcos, pero co aliciente de que o seu entorno estará ambientado con fotografías, cianotipias e obxectos relacionados coa auga.

Máis actividades

Xa ás 14.30 horas haberá un cantar feirante na área recreativa do Veliño no que as persoas participantes contarán con polbo e churrasco.

Despois da comida popular, terá lugar o claro, unha performance a partir das 16.00 horas na que as mulleres de Laiosa e doutros lugares, e preferiblemente maiores de 50, escenificarán un espectáculo vangardista no que se mesturan moitos tipos de elementos e enfoques artísticos de maneira libre.

Desde a Asociación explican que “precisamos veciñas que saiban desta técnica así como de artistas voluntarias e intrépidas, xa que o venres 18 ás 19 horas imos quedar na área recreativa do Veliño para ultimar a posta en escena e facer un pase de ensaio, dirixido por Mari Armesto”.

Xa ás 17.00 horas haberá un obradoiro interxeracional de cianotipia, unha das primeiras técnicas de impresión fotográfica, impartido por Beatriz Sánchez Madruga. Tralo taller, farase unha exposición colectiva na Fonte de San Marcos de todas as cianotipias deseñadas.

O groso da xornada

Ás 18 horas terá lugar a memoria da auga, unha conversa aberta na que se pretende darlle voz aos recordos, á historia de vida das nosas fontes: anécdotas, historias, vivencias, chistes, poemas… É unha exposición compartida de recordos para poñer en valor o patrimonio comunitario. “Máis aló da auga, dos lavadoiros e das fontes, trátase de falar de nós, das aldeas e da vida das nosas devanceiras”, explican.

Despois deste coloquio, ás 20 horas terá lugar o ‘Rilo & Penadique Lavandeiras’, un . espectáculo de narración oral, música ao vivo e teatro para dar lugar a unha proposta que lles devolva ás donas dos ríos o recoñecemento que poucas veces tiveron.Pasando de camiño polo folclore, polo humor, polas historias reais e polo cancioneiro popular, Vero Rilo achega un espectáculo cheo de emoción acompañado por Sonsoles Penadique no apartado musical.

Xa ás 21.00 horas será a quenda da cantiga de ‘Adios ríos, adios fontes’ de Rosalía de Castro e ás 22.00 horas terá lugar a Cea de Verán da Sociedade Deportivo Cultural de Laiosa no Campo do Val. A cita rematará ás 23.00 horas cunha pachanga de brilé e guateque interxeracional teatralizado e participativo.