Skip to main content
Cospeito

O PP votou en contra da moción do BNG que pedía á Xunta accións sobre a Torre de Caldaloba

Por 7 Agosto, 2023Sin comentarios

O BNG lamenta a intención do Partido Popular de persistir no bloqueo ao proxecto de recuperación e posta en valor da Torre de Caldaloba que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo iniciou hai un ano coa compra da parcela na que se ubica parte da Torre e os seus fosos defensivos e coa redacción dun proxecto de consolidación para atallar o deterioro da construción.

Así se confirmou no Pleno provincial no que o Partido Popular votou en contra dunha moción do BNG que pedía ao goberno galego que aclare se exercerá o dereito de retracto sobre a compra, que anunciou hai máis de nove meses e non materializou, e que autorice as obras proxectadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para apuntalar a Torre.

“Se a Xunta vai exercer o dereito ao retracto, que anunciou hai nove meses, que o faga, pero que o faga canto antes. Esta moción só pide que a Xunta de Galicia desbloquee a situación e permita realizar as obras de consolidación previstas para non ter que lamentar nada. Se non o fai, terá que explicarlles aos seus veciños porque non move ficha”, expuxo a deputada Iria Castro durante o debate da moción, dirixíndose ao deputado popular e alcalde de Cospeito Armando Castosa.

No debate, a deputada e responsable de Cultura no gobernolembrou a cronoloxía das actuacións levadas a cabo desde a institución provincial para recuperar a Torre de Caldaloba para o patrimonio púbilco e desenvolver un proxecto de posta en valor desta construción de grande valor simbólico para Galicia.

Tras chegar a un acordo coas persoas propietarias, o 29 de xullo de 2022, a Xunta de Goberno provincial aprobou a adquirsición da parcela na que se ubica a metade da edificación – a correspondente as fachadas noroeste e suroeste – e o sistema de fosos e contrafosos defensivos, o que supón preto de 2 hectáreas de terreo.

A compra da parcela, dunhas 2 hectáreas de terreo, ratificouse coa inscrición da compra e venda en documento público o 21 de outubro do 2022.

A Xunta de Galicia anunciou naquela data que exercería o dereito de retracto que lle outorga a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, mais nove meses despois non materializou o anuncio, impedindo a inscrición da parcela no Rexistro da Propiedade.

O goberno galego tamén bloqueou as obras de consolidación que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo tiña proxectadas na Torre, negando á institución provincial a autorización para executar os traballos dirixidos a conter o deterioro na edificación e asegurar o seu entorno máis inmediato.

A Vicepresidencia da Deputación solicitara o permiso para realizar as obras o pasado 23 de febreiro. A Xunta de Galicia negouno a través do silencio administrativo, ao deixar transcorrer o prazo de tres meses sen pronunciarse.

O BNG advertiu no pleno provincial da previsión de recortes de profesorado que a Xunta de Galicia manexa de cara ao curso que ven, dacordo co exposto pola propia Consellería de Educación aos sindicatos nunha reunión de negociación sobre prazas vacantes.

Segundo esa previsión, non se cubrirán prazas vacantes de pedagoxía terapeútica, audición e linguaxe ou educación primaria nunha vintena de centros, e noutra decena a cobertura será a media xornada ou con persoal compartido con outros centros.

O voceiro do BNG Daniel García denunciou a situación durante o debate dunha proposta de goberno para reclamar á Xunta de Galicia a fin dos recortes de persoal en educación, que se aprobou cos votos a favor de BNG e PSdG e en contra do Partido Popular.

Daniel García incidiu na defensa dun sistema educativo público que garanta ás nenas e nenos do rural os mesmos dereitos e oportunidades que os de calquera outro punto do país, adaptando os ratios á realidade do rural e tendo en conta que os centros educativos son un elemento vertebrador dun rural vivo e imprescindibles para manter a poboación”