Skip to main content
Cospeito

Convocan a VI edición do premio de poesía Torre de Caldaloba

Por 24 Agosto, 2023Agosto 25th, 2023Sin comentarios

O Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa Cultural San Martiño de Pino, en colaboración con  Culturalia GZ convocan a VI Certame de Poesía Torre de Caldaloba.

Esta iniciativa está deseñada co fin de poñer en valor este monumento histórico, promover a súa conservación e fomentar a creatividade e estimular a creación poética.

Poderán concorrer ao certame todos os autores que o desexen, calquera que sexa a súa finalidade, sempre que presenten as súas obras en lingua galega.

A organización deste certame estableceu unha  soa categoría, para maiores de 16 anos e o gañador recibirá 1.500 euros de premio e a publicación da obra, e o segundo premio levará un accésit e a publicación da obra.

As bases contemplan un límite de entre 300 e 600 versos con tamaño de letra 12 puntos e arial. Para todos os interesados en presentar propostas, o prazo estará aberto ata o 22 de outubro.

Os requisitos para valorar as obras serán que estean en galego e escritas a ordenador e que sexan orixinais mentres que a temática é totalmente libre.

A entrega pode facerse por correo ordinario, no Concello de Cospeito sito en avenida Terra Chá n°29, Feira do Monte, 27377, Cospeito, Lugo; ou por sede electrónica.

O fallo será dado a coñecer con data 22 de novembro de 2023 a través dos medios de difusión e comunicado ás persoas gañadoras, entregando os premios nun acto convocado a tal fin con data 2 de decembro de 2023.

Destacan nas bases o feito de que non poderán presentarse os gañadores das últimas dúas citas.