Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

A rehabilitación do centro social de Vilalvite en Friol recibe unha achega

Por 6 Agosto, 2023Agosto 7th, 2023Sin comentarios

Consellería do Medio Rural asinou un convenio para a concesión dunha achega de case 132.000 euros coa finalidade de levar a cabo un proxecto senlleiro de urbanización exterior e rehabilitación interior do centro social de Vilalvite, no concello lugués de Friol. Desta forma, consolídase un compromiso acadado polo propio conselleiro do Medio Rural, José González, nunha xuntanza mantida co alcalde, José Ángel Santos.

Este proxecto senlleiro consistirá na mellora das instalacións, actualmente deterioradas, para que ofrezan condicións de seguridade, salubridade e habitabilidade adecuadas para que os veciños poidan gozar delas. Así, na parte exterior acondicionarase a parcela onde se sitúa a edificación, creando unha superficie horizontal empedrada para unha nova rampla e escaleira. Tamén se acondicionará unha parte da parcela para un aparcamento de vehículos, mantendo a mesma topografía. Por último, ocultarase o saneamento das cunetas existentes e habilitarse unha nova zona para os contedores de lixo.

Na parte interior do centro social, cambiaranse as carpinterías e acabados interiores e exteriores. Tamén se rehabilitarán as cubertas da edificación e acondicionaranse o aseo, a rampla e escaleiras que dan ao exterior para adaptalas ás persoas con mobilidade reducida.

Desta forma, o edificio -construído no ano 1970 como escola unitaria- destinarase a usos culturais e de reunións para a veciñanza de Vilalvite e da súa contorna, mellorando así a calidade de vida da poboación e potenciando o seu arraigamento sobre o territorio.