Skip to main content
Guitiriz

O Parga Rock quenta motores para esta fin de semana

Por 29 Agosto, 2023Agosto 31st, 2023Sin comentarios

Os responsables do Parga Rock presentaron hoxe o festival que, fiel á súa cita coa música rockeira, reunirá este ano oito grupos de música no festival de balde que abre a programación de setembro nesta vila de Guitiriz o día 2 de setembro, sábado.

Na presentación estiveron o responsable da organización, Martín Rábade; a deputada de Cultura, Iria Castro, e a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira. Foi o encargado da organización o que explicou como se desenvolverá o programa, que xa abrirá o venres día 1 co pasatabernas, que estará a cargo do grupo Axoúxere, que partirá do CIT. Ademais, a partir das 23.00 horas está prevista a actuación de Señor MagicK na terraza do Recreo para ir abrindo boca do que se espera ao día seguinte. Esta sesión estará dedicada a Suso Penas, un vecino e home fiel á cita, que faleceu este ano.

O día 2 tamén haberá pasatabernas e nesta ocasión estará a cargo de Bloquinho de Xermolos, coa súa batucada.

O primeiro sábado de setembro volverán a sonar as guitarras e a música rock da man de seis grupos de recoñecido prestixio.

Collón de Lola será o encargado da sesión vermú, a partir das 14.00 horas. Está formado por músicos de medio mundo, das catro provincias galegas, pero tamén de Francia e incluso Polonia. A súa especialidade é facer revivir as cancións do Xabarín Club pero cun toque rockeiro.

O propio festival dará comezo con ITH, ás 21.30 horas. Toxo, Miguel, Alberto, Gonzalo e Lucía veñen de autoeditar un disco que os achega moito ao estilo do festival.

Seguirá a actuación de Broa, que substitúe no último momento a Homonosapiens Metalpunkrock, que tiveron que anular a actuación por un problema de saúde.

Á medianoite chegará o momento de Tropa do Carallo, cabeza de cartel do festival. Son importantes as raíces galegas deste músico que foi membro e fundador de bandas como La Polla Records ou Gatillazo, e será a de Parga a primeira data da banda en Galiza neste 2023.

Subiranse no noutro vagón deste tren de artistas os lucenses Barbarian Prophecies. A banda está considerada como un dos máximos expoñentes no seu estilo, o Death Metal, a nivel nacional. Levan dende o 2000 esnaquizando pescozos e xirando por media Europa.

Xunto a esta estará Abaixo Cu Sistema, que son coñecidos por levar un dos mellores, senon o mellor tributo a #systemofadown aló onde pisan. Con esta banda que pechará a noite do sábado volve un tributo a Carballeira de Parga despois de varios anos sen emular os añorados Riff Raff, La Leñera ou Display Of Power. Estes pecharán o festival tras abrir a súa actuación ás 3.10 da madrugada.

Durante o día tamén haberá aberto de billarda, na súa terceira edición, e incentivarán a participación dos nenos no festival xa coa sesión vermú, onde recibirán un agasallo, e tamén no concerto do grupo ITH, onde poderán cantar un par de temas.

Colaboran nesta edición ademais do Concello e a Deputación, a Feira de Parga e varias empresas privadas como Estrella Galicia, Iberik, Caixa Rural, etc.