Skip to main content
Meira

Meira presenta o seu programa de festas

Por 8 Agosto, 2023Agosto 9th, 2023Sin comentarios

A Comisión de Festas de Meira fixo público o programa deste ano, que se prolongará entre o sábado 12 e o xoves 17 de agosto.

As festas, na honra da Nosa Señora e San Roque, terán o seu inicio o sábado coa IV edición da Carrreira popular, e unha sesión de cantos de taberna, que se desenvolverán na vila a partir das 20.00 horas. Ademais, engádese a II Festa do Bolo Preñado a esta xornada inaugural.

O domingo 13 destaca no programa a actividade Procura das reliquias do Císter, organizada pola ACEA de Meira. Pola tarde tamén terá lugar a presentación da nova tempada do equipo de fútbol local co partido Meira-Pastoricense.

Destro das actividades previstas para o luns, figura a saída dos cabezudos, ás 20.00 horas, que estarán acompañados da Charanga 555. Seguirá o concerto da Prebanda e da Banda Municipal para ler o pregón M. Asorey xusto antes da verbena, que estará a cargo de Kubo e Beatriz.

O martes 15 haberá pasacalles pola mañá coa Charanga 555 para dar paso á misa, ás 13.00 horas. Tamén haberá sesión vermú, nesta ocasión ao cargo de Alianza, que tamén estará pola noite na verbena xunto a Marbella. Rematará a noite con fogos de artificio.

Ese mesmo día, durante a tarde haberá competición de 3×3 ás 18.00 horas.

O día de San Roque comezará cunha nova sesión de pasacalles e procesión ás 12.30 horas á capela de San Roque acompañada polo grupo de Gaitas de Meira e a Banda de Acordeóns local. Finalizará esta cunha misa maior ás 13.00 horas, á que seguirá a tradicional sesión vermú con Hermo, que tamén se encargará da verbena.

Pola tarde, ás 18.00 horas haberá un espectáculo de títeres e unha hora máis tarde xogos populares.

A programación rematará o xoves 17 coa xira campestre no Porto da Pena na que estará La Hora Bruja en sesión vermú e haberá festa da escuma.