Skip to main content
Deportes LUGOXADeportes TERRACHÁXAOuteiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Outeiro de Rei acollerá unha das probas de Xogade coas motos

Por 15 Agosto, 2023Setembro 12th, 2023Sin comentarios

Tras os contratempos climatolóxicos que impediron que o Xogade coas motos botase a andar no pasado mes de abril, a Xunta de Galicia, da man de VF Timing e da Federación Galega de Motociclismo, vén de anunciar o calendario da nova actividade de motociclismo do Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar), dirixido a todos aqueles rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos que queiran probar unha moto de velocidade por primeira vez e que viaxará polas catro provincias galegas ata a fin de 2023.

Deste xeito, o vindeiro sábado 19 de agosto terá lugar no Polígono de Baión de Vilanova de Arousa (Pontevedra) a primeira proba do ‘Xogade coas motos’. O sábado 2 de setembro, a actividade viaxará ao circuíto de Robra en Outeiro de Rei (Lugo). A terceira cita do ‘Xogade coas motos’ será na Laracha (A Coruña), o sábado 16 de setembro. Por último, o sábado 2 de decembro, dentro do programa do VI Salón do Deporte e Turismo Activo Sportur en Ourense, terá lugar a última data de 2023.

‘Xogade coas motos’ pretende fomentar o motociclismo de base facilitando o acceso dos máis pequenos á velocidade. A actividade ten como finalidade saber se ao neno gústalle o deporte do motociclismo, polo que non se trata dunha competición. Os máis pequenos terán acceso gratuíto ás motos, monos e cascos para realizar distintos exercicios de habilidade que serán dirixidos por monitores que valorarán o nivel do pequeno e informarán aos pais do nivel no que se atopan. Trátase dunha primeira toma de contacto que permite que os nenos con inquedanzas polo motociclismo poidan achegarse a este deporte sen que os pais teñan que facer o investimento inicial, así como asesoramento para a súa práctica habitual en escolas, circuítos ou competicións. Ademais, estas xornadas son posibles grazas ao seguro do Programa Xogade, a cargo da Xunta de Galicia.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, subliñou a importancia de achegar o deporte de motor aos máis pequenos e con toda a seguridade, nun momento no que moitos dos rapaces e rapazas queren imitar aos seus ídolos que están a destacar no panorama mundial do motocrós, como Jorge Prado, Rubén Fernández ou Yago Martínez; ou do trial, como Gabriel Marcelli ou Jorge Casales.