Skip to main content
As Pontes

O programa Dinamiza-ARTj estará este sábado 26 nas Pontes en tripla sesión

Por 24 Agosto, 2023Agosto 28th, 2023Sin comentarios

O sábado 26 de agosto ás 17.00 horas o grupo Triguiñuelas traerá ao Lago das Pontes o espectáculo Un día con el abuelo co obxectivo de que os máis pequenos coñezan as súas raíces dunha forma divertida e dinámica.

Ademais, este mesmo lugar emblemático acollerá tamén o mesmo día, pero unha hora máis tarde, unha obra de teatro de carácter familiar para o desfrute de tódolos públicos. A obra Ghop! de Teatro ó cubo dará comezo ás 18.00 horas.

O Teatro deo Cubo é unha compañía de artes escénicas formada por Sofía Espiñeira e Roberto Casal. A súa formación afonda en diversas disciplinas escénicas. Co teatro como eixo común pasando pola danza, o circo, os monicreques e a música, estes dous artistas conforman unha compañía orixinal e sorprendente na que combinan múltiples disciplinas. Dende 2016 levan producindo pezas teatrais para o público infantil e familiar.

Ghop! é un espectáculo de rúa áxil, interactivo e cheo de humor. Un berro cheo de enerxía… Ghop!, un berro cargado de ímpeto para unha peza coa estética clásica dos circos ambulantes que no pasado percorrían as prazas dos pobos e aldeas. Os tres protagonistas, vestidos e caracterizados para a ocasión, aderezan con malabares, monicreques, acrobacias e pinceladas de maxia, o show de variedades que esta compañía itinerante ofrece a un público desexoso de divertirse e participar.

Finalmente, ás 19.00 horas Ramona pequena de Pakolas e Laura Romero porá en marcha o espectáculo Cores, contos e Rock. Trátase dun espectáculo de pequeno formato onde a interacción entre nenas e nenos , a súa música acompañada de relatos e historias, e os debuxos en vivo de Laura Romero son o principal atractivo para o público. Esta proposta multidisciplinar crea así un escenario no que non só pódese gozar da música, senón tamén do debuxo.

Un espectáculo para todos os sentidos. Paco Cerdeira (Pakolas) guíanos coa súa forza interpretativa e humor por todo un universo musical, a través da súa voz e guitarra, e narrando nesta ocasión co apoio de Laura Romero (ilustradora), dando unha nova dimensión visual coa creación en directo de debuxos con núcleos que acompañan as cancións e historias que recollen, axudando así a Pakolas na presentación das súas historias e personaxes. Tamén será no lago.

Estas actividades son postas en marcha co apoio do Instituto para la Transición Justa (ITJ) e a Fundación Ciudad de la Energía (Ciuden) a través do programa Dinamiz-ARTj, co que se pretende xerar unha oferta cultural ampla nos municipios afectados polo proceso de peche de instalacións en zonas de Transición Xusta.