Skip to main content
Vilalba

Vilalba prepara a súa semana grande

Por 5 Agosto, 2023Sin comentarios

Vilalba xa ten o programa completo das patronais de San Ramón e Santa María 2023. Os festexos, que se celebrarán do 23 de agosto ao 3 de setembro, inclúen actividades para todas as idades e gustos, con variedade nas propostas musicais, así como no tipo de eventos organizados polo Concello.

As actividades deportivas terán un papel central. Así, e a modo de antesala das festas, celebraranse dous torneos deportivos que chegan xa á súa quinta edición. Falamos do V Torneo de Padel de San Ramón (dos días 14 ao 19) e da V Carreira Nocturna San Ramón (día 19), organizada esta última polo Club de Atletismo Vilalba.

O 22 de agosto será a quenda do tradicional Torneo San Ramón de Tenis (organizado polo Club de Tenis Vilalba) que chega xa á súa XXX Edición. O 23 terá lugar a Xira dos Maiores. Nela actuarán a Coral Luar, a Charanga de Vilalba e o Dúo Estrellas, sendo o 25, 26 e 27 a quenda da tradicional Xira Campestre.

A agardada celebración dará comezo o venres coa sesión nocturna dos DJs Da Chaira e dela tomarán parte os artistas Brais Tradd; Cris Vázquez; David García; Decrux; Diego Amigo e Peabody.

O sábado amenizarán a xornada as orquestras Alma Latina e o Grupo Musical Lecer e terá lugar tamén o Trofeo President, organizado polo Racing Clube Vilalbés.

A Xira rematará o domingo cunha sesión vermú longa amenizada pola orquestra Alabama.

NENOS

Rematada a Xira, o protagonismo será para os máis pequenos coa celebración do Día Infantil (28) e o Día da Bicicleta (29).

A proposta Biblioteca na Rúa (11.00h na Praza da Constitución) inaugurará un Día Infantil que se completará coa iniciativa Xogos en Familia; a Festa Infantil (das 17.00 ás 20.00h); as XXIX Simultáneas de Xadrez (18.00h) e o espectáculo Circando ás 17.30h, tamén na Praza da Constitución.

As actividades do Día da Bicicleta darán inicio ás 19.00 horas do día 29 na Praza da Constitución e terán como colofón final o espectáculo The Soulers organizado na Praza de Santa María ás 20.00h.

PREGÓN

O inicio oficial das festas marcarao a lectura do tradicional Pregón, este ano a cargo da xornalista vilalbesa Marta Gesto Lagüela, e a celebración do Certame Literario de Vilalba.

A pregoeira naceu e medrou en Vilalba (na avenida Terra Chá) ata que con 18 anos marchou camiño a Salamanca co fin de estudar Xornalismo. E de aí a Madrid, onde leva xa dúas décadas traballando en diferentes medios de comunicación.

Pasou polas redaccións de Europa Press, La Sexta, Vocento e agora é a Directora Xeral de InfoLibre, onde “fai patria” a diario con outro vilalbés, o tamén xornalista Daniel Basteiro. É profesora no Máster de Branded Content da Madrid Content School e participa en diferentes actos formativos da Universidade.

DÍA GRANDE

O día grande de San Ramón dará comezo co pasacalles a cargo das agrupacións locais Entre Lusco e A.C Andrade e continuará coas Finais do Torneo San Ramón de Tenis.

A sesión vermú correrá a cargo da orquestra Los Españoles e a esta seguiralle o concerto da Banda de Música de Vilalba e a gran verbena a cargo de Los Españoles e a orquestra París de Noia.

O 1 de setembro, Día de Santa María, abrirase co pasacalles das agrupacións locais Buxos Verdes e Banda de Gaitas Mato Vizoso, sendo a orquestra Los Magos a encargada de amenizar a sesión vermú.

Ás 20.00h, actuarán os Bregadiers como antesala da verbena a cargo da orquestra Los Magos e pechará a xornada a actuación de El Kubo, coñecido por ter o segundo escenario máis grande de Europa.

As agrupacións locais Mestura de Nete e Cerna de Árbol farán o pasacalles do día 2. Unha xornada na que tamén terá lugar o Torneo Rugby 3×3 Santa María.

A sesión vermú correrá a cargo da orquestra Principal e á tarde terá lugar o Festival de Bandas Pepe Guntín con pasacalles cara o Auditorio as 20.00h.

Pechará a xornada a verbena amenizada pola orquestra Principal a actuación de ASSIA na Praza da Constitución.
As festas rematarán o día 3, coa celebración do Día das Parroquias que nesta edición 2023 estará adicada a Noche.

O pasacalles correrá a cargo do grupo de gaitas de Tovar, da agrupación local Cerna de Árbol e da Charanga de Vilalba e a sesión vermú e posterior verbena estarán amenizadas pola orquestra Galilea.