Skip to main content
Vilalba

“A permanencia sería todo un éxito xa que a categoría é moi esixente”

Por 12 Agosto, 2023Agosto 13th, 2023Sin comentarios

Simón Lamas volverá estar este ano á fronte do equipo vilalbés

Como están a afrontar esta pretempada?

A pretempada con moita ilusión e coa incerteza propia do cambio de categoría que nos vai facer ter que adaptarnos a un nivel de esixencia moito mais alto, a equipos aos que non estamos acostumados a enfrontarnos, a viaxar a outras comunidades e a un fútbol diferente. Pero tamén con moita ilusión, tratando de reunir toda a información posible pero sobre todo con moita ilusión. A posibilidade de poder competir nesta categoría por primeira vez penso que nos fai a todos sentirnos importantes e afrontar o reto con total ilusión.

Cales son os obxectivos para a próxima tempada?

A nivel deportivo marcamos o obxectivo da permanencia, para nós sería todo un éxito xa que a categoría é moi esixente, baixan cinco equipos e hai un sexto que xoga unha eliminatoria para descender. Entón de 18 equipos seis están en perigo e o noso obxectivo é salvar esas seis posicións, vai ser moi difícil, vai ser esixente pero creo se están a facer moi ben as cousas no tramo de pretempada e planificación como para pensar que podemos ter moitas opcións. Ese é o obxectivo a nivel deportivo pero para nós a nivel interno o obxectivo é ir semana a semana, facer un equipo moi competitivo, que os novos xogadores se adapten xa ao que buscamos, que os que levan xa tempo se adapten tamén o máis rápido posible á nova categoría e ao ritmo que esixe esta categoría. Despois tamén planificamos o obxectivo como equipo e como grupo de chamar a atención de todo o pobo e de darlle continuidade ao que vivimos na fase de ascenso, que foi espectacular, como se enganchou a xente, sobre todo moitos nenos e oxalá podamos ver unha Madalena abarrotada que nos axude a conseguir o difícil reto que temos por diante. 

Como viviron o ascenso?

Foi un momento moi diferente a todos os que eu persoalmente vivín como adestrador, primeiro porque non esperabamos poder chegar ata o final pelexando e despois por como sucedeu con varias remontadas. Había equipos que estaban mellor colocados ca nós por factor clasificación, tanto ao Rápido de Bouzas como ao Arousa valíalles o empate e fomos capaces de remontar os partidos e de conseguir gañar no seu campo coa dificultade que iso ten porque, probablemente, eran os dous equipos máis en forma da categoría. Xa a nivel nacional na Rioxa, creo que sobre todo o clima de unión que se viviu entre afección e equipo fixo que fose un dos momentos máis especiais que imos vivir como deportistas todos os que formábamos parte do equipo. 

Reforzaron o equipo con novas fichaxes.

Si, a nosa idea dende o principio cando o club me pide renovar era seguir mellorando, tratar de mellorar dentro das nosas circunstancias. Sabemos que imos a ser un dos equipos máis humildes da categoría pero dentro da nosa situación buscar e analizar os puntos débiles que puido ter o equipo estas temporadas e tratar de saber tamén a que contexto nos imos enfrontar para a partir de aí detectar que necesitamos.

Penso que o club o fixo moi ben e que acertamos plenamente, primeiro porque renovamos a todo o que podíamos renovar ou quixemos renovar, era moi importante darlle continuidade ao equipo e non empezar de cero. E segundo porque a partir de aí  entendemos onde deberiamos reforzarnos e penso que o fixemos ben con xogadores contrastados. Evidentemente o Rácing ao ser un equipo recentemente ascendido vai aspirar a xogadores que acaban de descender ou xogadores de equipos que estiveron na parte baixa pero moviámonos moi ben para incorporar xogadores que a nivel deportivo van dar un salto de calidade e a nivel persoal e humano van complementar moi ben o equipo e así poder facer un grupo sensacional.

Cales son os puntos fortes deste novo equipo?

Un dos puntos fortes é que hai un grupo que levan moito tempo xogando xuntos, oito ou nove xogadores levan moitas tempadas. Despois hai algo moi importante que é que imos a poder ter seis xogadores no primeiro equipo que son de Vilalba, eu penso que nesta categoría é algo impensable, e probablemente ningún outro equipo, salvo algún filial, os vaia ter e iso dalle moitísimo valor ao que fai o club, o club dun pobo probablemente dos máis pequenos de Segunda Federación e iso para nos é un orgullo. Despois a humildade que eu penso que nos fai competir moi ben sempre diante de equipos importantes, viuse no propio ascenso, que fomos capaces de reverter resultados adversos diante de equipos de moito nivel. Penso que por todo isto imos a ser un equipo competitivo que vai dar moito que falar a pesar de que podamos ir co grupo que ten máis dificultades na liga.

Que cambios teñen que realizar para adaptarse á normativa desta categoría?

Nesta categoría é obrigatorio ter catorce xogadores profesionais, iso implica que estean dados de alta na seguridade social e que se dediquen a isto. Nós tiñamos moitos xogadores que traballaban co cal aí temos o primeiro contratempo, algúns adaptaron os seus traballos e horarios para poder competir nesta categoría o cal di moito da ambición que están a demostrar e loxicamente todos os que incorporamos e algún dos que estaban van ter esa caracterización profesional e se van dedicar só a isto. Antes adestrabamos en horario de noite para que os xogadores puideran compatibilizar coa súa xornada laboral e este ano imos adestrar a primeira hora da tarde, algo que nos vai permitir controlar mellor o descanso dos xogadores, traballar en mellores condicións e dar un salto de calidade tamén grande. E tamén sobre todo a nivel económico ao club vaille repercutir moitísimo este cambio de categoría, temos que realizar modificacións no campo xa que é necesario ter luz artificial da que non dispoñemos así como unha sala prensa coa que non contamos na actualidade.  A idea do club era darlle continuidade ao proxecto, o temor máis grande que tiñamos era que moitos xogadores que xa formaban parte do equipo non se puideran adaptar ás novas esixencias e ter que cambiar demasiado, por sorte podemos darlle continuidade e un gran grupo que estaba o ano pasado en terceira continúa.