Skip to main content
Vilalba

Vilalba acolle un concerto de Boroa o venres 18

Por 14 Agosto, 2023Sin comentarios

O Instituto de Estudos Chairegos en colaboración co Concello de Vilalba, organiza o II Concerto de verán, coa actuación do grupo musical galego BOROA, que terá lugar o venres 18 de agosto de 2023, ás 22.00  no Templete da Música de Vilalba. 

Antes de comezar o concerto, ás 20.00 h., e no mesmo lugar, a carón do Templete, Sabela Olivares, compoñente do grupo Boroa, impartirá un obradoiro de Iniciación á xota, para todos os públicos e aberto a todas as persoas que queiran participar (non fan falta coñecementos previos).

Boroa presenta “O Clásico Fol” neste ano 2023, a banda, liderada por Sabela Olivares, amosa o seu primeiro traballo discográfico cun proxecto que xira ao redor da funcionalidade e a versatilidade da gaita, ademais da súa adaptación ás novas tecnoloxías do século XXI. 

Coa gaita como protagonista, Boroa presenta un conxunto de melodías de creación propia construíndo un universo sonoro que propón unha viaxe musical alén do atlántico, que parte da nosa raíz e se achega a harmonías de diferentes xéneros musicais como o swing, o jazz manouche ou o ragtime. 

A proposta de Boroa ofrece un directo variado onde se integran, ademáis dos temas propios, interpretacións de música contemporánea, de clásicos de cine e repertorio tradicional doutras culturas como a rumana ou a irlandesa.