Skip to main content
Vilalba

Varios colectivos denuncian o despido como represalia a unha das traballadoras do Hospital Asilo de Vilalba

Por 18 Agosto, 2023Sin comentarios

A traballadora Olga Rego Rouco xunto cos colectivos Comisións Obreiras, Sindicato Labrego Galego, Asociación Feminista Vilalba e Feministas da Terra Chá veñen de denunciar o despido de Olga como represalia por denunciar as condicións laborais nas que se atopan no Hospital Asilo de Vilalba. 

O Sindicato Labrego Galego declara que “xa no ano 2020 por parte do sindicato denunciose diante do Consello Galego de Benestar Social as deficiencias na cobertura de persoal de enfermería a raíz de poñerse en contacto con esta entidade persoas usuarias. Nese momento a propia Fundación recoñeceu que non se estaban cumprindo os ratios pero a situación a día de hoxe está sen solventar” 

Engaden que “a principio deste ano, foron as auxiliares de atención directa as que deron a voz de alarma, poñéndose de novo en contacto con nós e a continuación dirixímonos de novo a Política Social no mes de abril e maio para denunciar o incumprimentos nos ratios das traballadoras e as condicións de traballo insostibles e que poñían en risco a garantía e calidade dos coidados as persoas usuarias” 

As traballadoras tamén puxeron esta situación en coñecemento do Concello a través dun escrito no que denunciaban que non se cumprian os ratios, que a situación de dependencia das persoas usuarias non estaba actualizada ou a falta de persoal. 

Dende Comisións Obreiras denuncian que “o despedimento da compañeira Olga, traballadora da FHAV é un despedimento nulo. Os feitos que se lle imputan na carta de extinción non son reais, pois a causa alegada pola empresa é ensxistente. A comunicación de cese non deixa lugar a dúbidas, a traballadora é despedida polo feito de liderar as reivindicacións de diversos dereitos laborais das traballadoras da FHAV en materia de prevención de riscos laborais, de ratios de persoal, de medios materiais”. 

Segundo informan dende CCOO esto “queda patente na propia carta de despedimento, xa que  o feito que se lle imputa literalmente é o seguinte: “Durante los últimos tiempos se ha venido comprobando por la dirección de la empresa, una oposición permanente al sistema organizativo del trabajo, generando una falta de confianza en las funciones para las que Ud. ha sido contratada”. 

Para o sindicato “os feitos poñen de manifesto, que é a súa actividade belixerante na empresa a causa real do despedimento que é usado de advertencia pública, para infundir o temor a posibles represalias no resto do colectivo, e  que así as traballadoras desistan das súas reivindicacións ante os incumprimentos empresariais”.

Dende CC.OO declaran que “levamos tempo alertando de que no sector da dependencia e das residencias privadas é constante o desleixo e abandono tanto por parte da Xunta de Galicia como polas administracións locais, que dotan con cartos públicos a este tipo de institución sen sometelas a ningún control e comprobación de como prestan os coidados aos nosos maiores”. 

Estes colectivos tamén informan que “dende a Xunta informóusenos  que esta residencia ten un expediente aberto do ano 2021. E a raíz das denuncias deste ano 2023 realizou unha nova inspección en abril na que se atoparon de novo  incumprimentos da normativa”.

Pola súa banda os colectivos Feministas convocantes declaran que “saímos defender a esta traballadora, e a todas as traballadoras que ven vulnerados sistematicamente os seus dereitos.  As mulleres feministas consideramos que o traballo dos coidados, a diferenza do que está pasando, ten que ser un traballo valorado e considerado dos máis importantes para a sociedade”.

“Son moitos os casos como o da FHAV, non é o único pero é un caso ben ilustrativo da situación das mulleres que traballan neste sector (incumprimento sistemático de ratios, falta de medios materiais, sobrecarga de traballo etc), e non so nos ilustra sobre as súas condicions de traballo, senón sobre o que pasa se as mulleres se organizan e reclaman os seus dereitos. A modo de exemplo o que pasou co despido de Olga  que a Dirección traslada como escarmento  para que o resto das traballadoras non reclamen os seus dereitos” denuncian dende este colectivos. 

Estas organización de diferentes ámbitos sociais únense para “denunciar unha vez máis esta situación, porque nos preocupa a situación das traballadoras e a situación dos nosos maiores” e engaden “que a compañeira Olga teña claro que non vai estar soa, como ninguén que aposte por reivindicar un traballo digno na súa empresa e  defender uns servizos públicos de calidade o debería estar, porque a  ecuación é ben clara: canta mais organización das traballadoras e da sociedade civil  mais dereitos para todas”.