Skip to main content
Vilalba

“As festas do San Ramón son as de todos os vilalbeses”

Por 26 Agosto, 2023Agosto 28th, 2023Sin comentarios

Tamara Rodríguez é a nova concelleira de Cultura do Concello de Vilalba.

Quen é Tamara Rodríguez?

Tamara Rodríguez é unha autónoma administradora dun negocio familiar onde pretende desenvolver a súa vida laboral mentras que poida traballar, non só pola presión de ser a terceira xeración que se dedica ao mundo do moble, senón porque lle presta traballar de cara ao publico e ao mundo do interiorismo. Ademais, Tamara é nai dun pequeno de 8 anos, teatreira de afección e melómana de “palleiro”.

Como asumiu a responsabilidade de ser concelleira da área de Cultura? Con que obxectivo e por que?

No meu caso, cheguei a este mundo máis coma “activista” que como política en si. Diferentes circunstancias da vida leváronme a buscar o xeito de moverme para que certas cousas cambiaran, polo que comecei o traballo de xeito asembleario. Foron os compañeiros de Vilalba Aberta os que me colocaron no posto de saída para saír electa, e cando chegou a hora de decidir a área, ofrecéuseme esta posibilidade que eu vin lóxica. Eu aceptei sen darlle demasiadas voltas, xa que, aínda parecéndome un mundo inmenso, sabía que para min ía ser o máis enriquecedor de todos os traballos que podía facer. O meu obxectivo é manter o que está ben feito con respecto e poñer en valor a riqueza da Cultura Vilalbesa, que ten un gran potencial.

Está contenta con esta labor?

Estou contenta, emocionada, nerviosa… Síntome honrada, asustada….. Penso que non hai un adxectivo que defina todas as emocións que estou tendo estes últimos meses.

Que proxectos teñen en marcha para esta lexislatura en materia cultural?

Unha das cousas que levabamos no noso programa electoral, que para min é un dos proxectos máis ilusionantes, é achegar a cultura a tódalas parroquias. Estou traballando xa algunhas propostas sobre isto para poder presentarlle aos veciños canto antes.

O máis inmediato, as Festas do San Ramón. Que camiño seguiron para a súa planificación?

Tendo en conta a data na que entramos no goberno, o meu traballo está sendo darlle forma ao guión que xa me veu dado.

Cales son as dificultades que atoparon?

Sempre hai trabas, pero a maior dificultade é o tempo co que contamos para sacar adiante as festas e tamén que a partida orzamentaria destinada para o San Ramón e Santa María é a mesma que en 2018, cando as festas estaban xestionadas por unha comisión externa ao Concello.

E as axudas que lles facilitaron o traballo?

A principal axuda vén dada polos traballadores do Concello, que se esforzan por sacar todo adiante en tempo, así como a Policía Local, Cruz Vermella, Garda Civil e todos aqueles que se preocupan de que todo estea en orde para que as cousas se poidan facer.

Como cre que van ser estas festas?

Polo motivos anteriormente comentados, han de ser unhas festas con carácter continuador.

Cre que os veciños están contentos con esta nova edición?

Os veciños de seguro que entenderán as circunstancias que trae consigo un ano de transición. Para min, este ano é unha toma de contacto, non tiña moito marxe de manobra por falta de tempo e un presuposto moi axustado, pero si que teño as orellas e ollos abertos a críticas construtivas para poder facer unhas festas o máis equitativas en gustos que se poidan facer nos próximos anos.

Por que son importantes para Vilalba estas festas?

Son importantes porque son as de todos os vilalbeses, tanto de casco urbano coma de parroquias. Tamén o son pola tradición e porque anuncian o fin do verán, que é esa época do ano na que todo parece unha festa. Os vilalbeses que residen fóra e que volven cada ano a descansar na súa terra, apuran os días de festexo entre amigos e familiares antes de volver á súa rutina de traballo aló onde atoparon. É como un peche de ano natural para os vilalbeses e vilalbesas.


“Para min, poder escoitar á Banda na rúa e espertarme cos pasacalles amenizados polas diferentes asociacións xa é suficiente para saber que estou en festas”

“Estou contenta, emocionada, nerviosa… Síntome honrada, asustada… Penso que non hai un adxectivo que defina todas as emocións que estou tendo”


Cre que vai haber moita afluencia de xente? Que datos ten para aseguralo?

Pois normalmente a afluencia de xente ten que ver cos espectáculos que veñen, pero tamén ca climatoloxía e co día da semana que caen os festivos locais.

Cales son os pratos fortes das festas?

Depende de para quen. Como maior tirón entendemos que está a París de Noia por fama e o Kubo por espectacular, aínda que a xente máis popera e rockera sei que está agardando ver a ASSIA. Tamén hai quen desfruta máis coa música tradicional, onde teremos Os D’abaixo e, por suposto, non nos podemos esquecer de xente que espera todo o ano para ir de Xira coa cuadrilla e desfrutar da sesión vermú de maior éxito do ano. Para min, poder escoitar á Banda na rúa e espertarme cos pasacalles amenizados polas diferentes asociacións de musica tradicional xa é suficiente para saber que estou en festas.

Con respecto ao futuro, que plans teñen para mellorar estas festas?

De momento, ó único plan que temos é comezar con tempo a organizar e elaborar uns presupostos para poder traballar con algo que nos permita mellorar.

Algunha iniciativa futura en canto á área de Cultura en xeral que queira comentar?

O máis importante é achegar a cultura a todas as parroquias.

Vostede é de Vilalba Aberta, partido que goberna en Vilalba xunto co PSOE, que tal está indo estes primeiros meses de coalición?

Son os primeiros meses, tempo de toma de contacto e de aprender a traballar en equipo, nesas estamos. Equivocarémonos, pero hai boa vontade de que o Goberno saia adiante e ése vai a ser o noso motor para traballar.

Que outras novidades terán as festas este ano?

Este ano as atraccións en San Ramón e Santa María van ter unha hora e media sen música para que a xente con sensibilidades auditivas poida desfrutar tamén de festas. Será de 18.30 a 20.00 horas. En canto ás persoas con mobilidade reducida ou con algún tipo de impedimento para soportar colas, presentando un documento da Sanidade que certifique tal condición na entrada, terá preferencia á hora de acceder á atracción.