Skip to main content
Vilalba

O pregón e a entrega do Premio Literario abre oficialmente as festas de Vilalba

Por 29 Agosto, 2023Agosto 30th, 2023Sin comentarios

Marta Gesto será este mércores, ás 19.00 horas no Auditorio, a pregoeira oficial, momento que marca o inicio oficial das festas de Vilalba, aínda que xa levan días de celebracións. Este acto vai ligado á entrega do Premio literario, que se deu a coñecer hai uns días e que foi para Xurxo Alonso.

Marta Gesto naceu e medrou en Vilalba (na avenida Terra Chá) ata que con 18 anos marchou camiño a Salamanca co fin de estudar Xornalismo. E de aí a Madrid, onde leva xa dúas décadas traballando en diferentes medios de comunicación.

Pasou polas redaccións de Europa Press, La Sexta, Vocento e agora é a Directora Xeral de infoLibre, onde “fai patria” a diario con outro vilalbés, o tamén xornalista Daniel Basteiro.

É profesora no Máster de Branded Content da Madrid Content School e participa en diferentes actos formativos da Universidade Rei Juan Carlos e do Centro de Excelencia Internacional Sergio Arbolea.

Marta sempre se definiu como “moi, moi vilalbesa” e conserva as súas amizades (do Insua Bermúdez, da Banda…), ademais do forte vínculo familiar con Vilalba, pois é “filla e neta de vilalbeses”.

Como vilalbesa, como vive estas Festas grandes de Vilalba?

Vai ser un San Ramón moi especial. Veño cada ano festexar coa familia e os amigos, pero este ano será diferente. Ser pregoeira é unha grandísima honra, que me fai moita ilusión. Ademais, veño de perder a meu pai recentemente, que era un gran fan destes días na vila… así que sen dúbida serán unhas festas que non esquecerei.

Como ve as festas con respecto a cando era pequena? Un pouco a comparación de antes a hoxe.

Vivín as festas de Vilalba sempre con moita ilusión. Lembro con moita intensidade a chegada da familia que vivía fora, as comidas longas, as conversas das mulleres na cociña, os doces, as partidas de tute, a música que se escoitaba en toda a vila…. Logo, durante a primeira xuventude, as miñas lembranzas están vencelladas á Banda de música: os madrugóns, os pasacalles, os veciños nas ventás, o concerto… Lembro aqueles anos cun sorriso, a verdade. Nestes últimos tempos, o San Ramón corre máis rápido para min. Paso menos días na vila…. e hai que aproveitalos.

Sorprendeulle que a chamaran para propoñerlle ser a pregoeira desta edición?

Si, sorprendeume. E fíxome moitísima ilusión.

Está nerviosa? Sabe xa que vai dicir?

Máis ou menos teño claro o que vou a contar… pero vou gardar o segredo ata o día para que sexan os veciños de Vilalba os primeiros en sabelo.

Vostede é unha persoa importante de Vilalba tanto por ser cidadá da vila como pola súa traxectoria xornalística, pode resumirnos a súa vida laboral para quen non a coñeza?

Son xornalista, aínda que xa hai un tempo que abandonei a redacción e traballo na xestión. Durante os vinte anos que levo neste oficio traballei en Europa Press, Atlas, Diario Qué!, laSexta (e logo Atresmedia) e Vocento. E agora, hai pouco menos dun ano, son a directora xeral de infoLibre.

Por outra banda, ten pensado volver á súa vila natal?

Veño a Vilalba case todos os meses. Non sei o que me deparará o futuro, pero aquí están as miñas raíces e síntome na casa.

Que é o que máis lle gusta de Vilalba ou que cousas podería mencionar que sexan interesantes para promover que máis xente a visite?

Para min o mellor de Vilalba é a súa xente, sen desmerecer a vila, os arredores, a gastronomía… Paga a pena unha visita, iso seguro.

Que espera destas grandes festas?

Espero que haxa ganas de compartir e que os veciños desfruten do seu propio San Ramón. Ao final, as festas son o que son porque as compartimos con aqueles que queremos.

Rematado o pregón terá lugar a entrega do Premio Literario, un recoñecemento á poesía en galego que naceu no ano 1975 e conta cunha numerosa participación.

O Certame Literario do Concello de Vilalba, e na actualidade coñecido por premiar obras de poesía que posteriormente se publican en libro, sendo un dobre premio para os seus autores.

Conta cunha longa traxectoria iniciada en 1975, na que de xeito ininterrompido fóronse premiando creacións literarias en prosa ou en verso, de maiores ou de rapaces, sempre cun moi alto nivel de calidade e importante participación.

Este certame é continuador doutro Certame Literario da Terra Chá, impulsado polos concellos da comarca do mesmo nome, que tivo en Vilalba o seu punto de referencia como capitalidade chairega agás na última edición que se celebrou no concello de Guitiriz.

Que Vilalba sexa quen de impulsar un certame coma este, superando as catro décadas de existencia, débese ao Concello vilalbés que, como parte importante do seu labor cultural, e precisamente en base á tradición literaria vilalbesa, ten dado nomes moi importantes á literatura de Galicia.

A especialización do Certame na poesía en galego, e a publicación anual dos textos premiados, converten a este Certame nun especial punto de referencia cultural e social e fan que o acto de entrega de premios, o 30 de agosto, coincidindo co Pregón anual das festas patronais de San Ramón e Santa María, sexa un dos acontecementos máis importantes para os vilalbeses e para a literatura en galego.

Está dotado con 7.000 euros en metálico e a publicación da obra premiada para o mellor poemario inédito escrito en lingua galega.

Dende o seu nacemento, en 1975, recoñecidos autores da literatura galega como Helena Villar Janeiro, Darío Xohán Cabana, Xavier Alcalá ou Yolanda Castaño xa recolleron o premio, un dos máis destacados do panorama poético de Galicia.

A primeira gañadora deste certame foi María Luisa Baamonde Campos coa súa obra Pícaro, picariño en 1975.

O PREMIO DESTE ANO

O Concello de Vilalba fixo público o venres o fallo do xurado do XLIX Certame Literario, do que resultou gañador Xurxo Alonso coa súa obra Cartas de Conxo – O legado dás Távora.

O xurado formárono Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, catedrático de Historia, Xulio Xiz, xornalista; e Fidel Fernán, director do grupo de Radio Principal.

Xurxo Alonso (Buenos Aires 1956) é licenciado en Bioloxía, pintor e poeta. Como poeta é autor de nove libros e recibiu, entre outros, os seguintes premios: Avelina Valladares; Johán Carballeira; Francisco Añón; Bouza-Brey; Concello de Carral; Cidade de Ourense; Díaz Castro; Torre de Caldaloba e Lueiro Rey. Como pintor realizou máis de sesenta exposicións individuais e ontivo premios como a Bienal Cidade de Pamplona; Bienal de Pontevedra; Premio Gredos e Bienal Eixo Atlántico.