Skip to main content
Xermade

Xermade volverá a exhibir en setembro o mellor da tornería

Por 13 Agosto, 2023Outubro 13th, 2023Sin comentarios

A institución provincial incrementou en máis dun 30%, ata os 9.000€ a achega económica ao Concello, para impulsar esta nova edición “pola proxección nacional e internacional que supón o encontro non só para Xermade, senón para o conxunto da provincia, e todo o sector madeireiro”, destacou Rivera Capón.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou xunto ao alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, na presentación do 23º Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que se celebrará do 15 ao 17 de setembro no polideportivo da localidade chairega. Un encontro que contará unha edición máis con destacados profesionais do mundo da tornería, exposicións de obras de artesanía e demostracións en vivo.

A Deputación de Lugo incrementa en máis dun 30€, ata os 9.000€ a achega económica, a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos, para a organización desta cita coa que colabora ano tras ano. Rivera Capón destacou o compromiso da institución con este encontro “pola proxección nacional e internacional que supón non só para Xermade, senón para o conxunto da provincia”, pois durante catro días “convértese no referente mundial da tornería, contribuíndo a visibilizar este oficio tradicional e demostrando cada edición que está máis vivo ca nunca”.

Así mesmo, xunto á tradición, sinalou o deputado, “estes encontros teñen un compoñente moi importante na innovación, tanto no ornamental como no funcional. O uso da madeira está en auxe, e nos últimos anos cada vez é maior a súa presenza en sectores como o da construción”.

Destacou o gran potencial da provincia de Lugo no sector madeireiro, que conta case coa terceira parte da superficie forestal de Galicia. Desta forma, engadiu, “debemos apostar por este sector e reforzalo, polo que supón para o noso Produto Interior Bruto, pero tamén polo seu impacto positivo en asuntos transversais como o equilibrio territorial, a loita contra os lumes ou na loita contra o reto demográfico, xa que este sector atrae empresas ao rural e xera novas oportunidades de emprego para a mocidade”, subliñou Pablo Rivera.

Este ano, tal e como se anunciou na presentación que tivo lugar na biblioteca municipal de Xermade, o encontro contará con expertos e profesionais da tornería como o inglés Stewart Furini, o francés Jean Claude Charpignon, o malagueño Francisco Boyero e o galego Lolo Castro. Así mesmo, haberá exhibicións de pezas, demostracións en vivo e puntos de venda de distintos produtos artesanais de madeira.

Rivera Capón felicitou ao alcalde polo bo traballo que está a facer o Concello de Xermade e aseverou que esta nova edición “volverá ser todo un éxito”. O Deputado animou aos veciños da provincia a achegarse á localidade o próximo mes de setembro e ser partícipes “dunha oportunidade única para desfrutar dun espectáculo en vivo cos mellores artistas do mundo da tornería”.