Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

A partir de agora as confrarías poderán optar a axudas comunitarias a nivel europeo

Por 9 Setembro, 2023Sin comentarios

A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou por unanimidade unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para pedirlle á Xunta que traballo xunto co Estado para que as institucións comunitarias recoñezan a figura das confrarías. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, explicou que este recoñecemento lles permitiría optar a fondos estruturais europeos.

A responsable socialista acadou o acordo da Cámara a favor desta demanda histórica dos pósitos galegos, que piden “consenso” para que se lles recoñeza esta categoría. Otero emprazou ao goberno galego a que una esforzos co goberno central a carón de obter este “recoñecemento” fundamental para as confrarías de todo o Estado, sinaladamente ás 63 galegas, que conta coa máis antiga do Estado, a de Cambados, ou as de Celeiro e Burela, constituídas en 1923.

Instou a atallar a situación actual na que se atopan as confrarías de pescadores, que ao non ter o recoñecemento comunitario quedan fora de axudas como as correspondentes ao antigo FEMP e actual FEMPA. Engadiu que as confrarías carecen deste status malia que realizan unha “función parecida e máis ampla” que outros entes que si poden optar ás axudas, como o caso das Organizacións de Produtores Pesqueiros.

Explicou que as confrarías galegas xestionan lonxas, desempregan o papel de xestorías para os socios e socias, ademais de encargarse da xestión pesqueira, da produción e comercialización, un traballo “fundamental tamén no eido da responsabilidade social”. Neste sentido, prima ás persoas sobre o capital e promocionan a solidariedade interna coa sociedade mantendo a súa independencia respecto dos poderes públicos.

Emprazou ao goberno galego a aproveitar a oportunidade que ofrece tanto o acordo a nivel do Parlamento Europeo como á boa disposición da Dirección Xeral do Mar da Comisión Europea para se lles recoñecer esta categoría. Reclamou unha “unión forte” entre as administracións para conseguir converter a boa disposición nun recoñecemento real das confrarías como entidades de pleno dereito.