Skip to main content
BurelaMar AMARIÑAXA

Galicia participa na feira monográfica náutica e pesqueira Expomar Cabo Verde

Por 22 Setembro, 2023Sin comentarios

A Consellería do Mar participa na X edición da feira monográfica náutica e pesqueira Expomar Cabo Verde -que se celebra ata o sábado 23 de setembro en Mindelo, na illa de San Vicente- cun posto propio de 36 metros cadrados no que se promocionan os produtos do mar galegos e coa presenza do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, que onte asistiu á inauguración deste evento.

Ademais hoxe o director xeral manterá distintos encontros con axentes de entidades como a Empresa Nacional Portuaria (Enapor), o porto de Mindelo, con armadores de buques de pesca galegos que operan na zona e visitará a planta da Poutada e en Porto Grande a planta frigorífica que xestiona Atunlo. Este apoio ten como obxectivo afianzar os lazos comerciais no eido marítimo-pesqueiro entre Galicia e o país africano así como co resto de empresas asistentes a este certame internacional.

Na feira a Consellería do Mar pon a disposición dos participantes un espazo para manter reunións de negocios e facilitar así a ampliación dos contactos das empresas galegas, entre elas as que asisten a este certame cunha misión da Cámara de Comercio da Coruña. Deste xeito, o Goberno autonómico busca mellorar a comercialización dos produtos marítimo-pesqueiros co fin de chegar a novos mercados e de fomentar a internacionalización.

A feira Expomar está organizada polo Ministerio de Economía e Emprego do país africano e reúne a axentes nacionais e internacionais pertencentes a sectores como a pesca e a transformación do peixe, alimentación, transporte marítimo, reparación naval, servizos náuticos. O encontro inclúe tamén conferencias internacionais, seminarios e obradoiros e encontros de negocios relacionados coa explotación sustentable dos recursos e coa economía marítima.