Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXAViveiro

O conselleiro de Mar censura que o Goberno central insista en invadir competencias de Galicia como a xestión do seu litoral

Por 30 Setembro, 2023Sin comentarios

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presidiu en Santiago o pleno do Consello Galego de Pesca no que se abordaron as previsións e liñas xerais de actuación do departamento. Na súa primeira participación neste foro recoñeceu que son moitos os retos aos que se enfronta o sector e, entre os máis inmediatos, mencionou o salto definitivo ao novo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa).

Nesta liña explicou que se pretende poñer en marcha en 2024 dunha rede de oficinas na costa galega que asesore e facilite a tramitación das axudas. O obxectivo é que sexan aproveitadas polo maior número de beneficiarios posible.

Outro dos desafíos máis inmediatos que salientou o conselleiro é o reparto das cotas de pesca en augas da UE para 2024, que culminará en decembro en Bruxelas e que abrirá a porta a fixar posibilidades de capturas plurianuais. A Consellería do Mar pon o foco sobre as propostas da Comisión Europea nas especies con maior incidencia para a frota galega, como o xurelo, a sardiña, a xarda, a pescada, o peixe sapo ou a cigala, entre outras.

Neste sentido, Alfonso Villares, reiterou que os obxectivos fundamentais pasan pola defensa da dimensión socioeconómica do complexo marítimo-pesqueiro galego en equilibrio coa protección do medio ambiente e a sustentabilidade futura da actividade.

Outra das cuestións destacadas polo conselleiro é a necesidade de manter un contacto continuo e un diálogo fluído co sector para reforzar a cogobernanza na xestión da actividade, máxime no contexto actual que dificulta a viabilidade do sector. Ademais comprometeuse a traballar man a man cos seus representantes para preservar a fortaleza dunha actividade que xera riqueza e emprego nas localidades costeiras e que é estratéxica para a economía de Galicia.

Tamén resaltou a importancia de contribuír a facilitar a actividade fronte a impactos como o da guerra en Ucraína e puxo en valor os preto de 15 millóns de euros mobilizados de forma extraordinaria en apoio ao conxunto da cadea mar-industria galega.

Defensa dos intereses da frota

En canto á actividade do sector, Alfonso Villares manifestou que a Xunta velará sempre polo seu futuro e continuará a defender os intereses da frota fronte a actuacións inxustificadas como o veto á pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico Noreste, onde Galicia é a única comunidade que participa como parte coadxuvante no recurso dos palangreiros de Burela ante a Xustiza europea. Ante a ameaza de aumentar as zonas pechadas, o titular de Mar manifestou o compromiso de redobrar esforzos para acabar cuns límites marcados de forma arbitraria, sen medir as consecuencias socieconómicas e sen o imprescindible aval de informes científicos.

Tamén se actuará, engadiu, contra o Plan de Acción da UE para  protexer e restaurar os ecosistemas mariños, que inclúe a pretensión de Bruxelas de limitar a pesca de arrastre co risco de que se estenda a determinadas artes menores e destrúa milleiros de empregos.

Co fin de mellorar os resultados do traballo do sector e de poñelo en valor, o conselleiro sinalou que Galicia continuará coa promoción do consumo de produtos do mar en feiras e salóns internacionais con campañas de gran impacto como a das foodtrucks de GALICIA SABE AMAR.

Ademais explicou que nos próximos meses verán a luz iniciativas que sitúan á comunidade como pioneira e que son o lanzamento da Axenda da Economía Azul Sustentable e a presentación do Plan da Cultura Marítima de Galicia. Trátase de dúas ferramentas, sinalou, que redundarán no aproveitamento de todo o patrimonio que rodea aos mares como motores económicos e sociais.

A maiores, Alfonso Villares destacou a intención de reforzar e ampliar o Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia co fin de fortalecer a avaliación dos riscos aos que se enfronta a actividade pesqueira e marisqueira galega ante o cambio climático. En  materia de I+D+i destacou os traballos que realiza a Rede entre os Investigadores e o Sector Pesqueiro, Redemar, ao servizo das necesidades reais da pesca e a acuicultura de Galicia.

Atrancos desde o Goberno central

No pleno do Consello Galego de Pesca tamén se analizaron as actuacións da Xunta a favor do sector ante as trabas do Goberno central á súa actividade. O conselleiro criticou que agora que Galicia conta coa Lei de ordenación e xestión integrada do litoral para executar en plenitude as súas competencias sobre o dominio público marítimo-terrestre, a Dirección General de Costas insista en continuar a invadilas.

O último episodio é o recurso ante o Tribunal Constitucional por parte do Executivo central contra varios artigos da lei de acompañamento dos orzamentos galegos que se refiren á xestión do litoral. Alfonso Villares defendeu que a normativa autonómica dá seguridade xurídica e defende os intereses do sector fronte as pretensións do Ministerio para a Transición Ecolóxica de eliminar calquera vestixio humano do litoral, especialmente os relacionados coa actividade económica.

Outras cuestións abordadas no pleno do Consello Galego de Pesca foron a negativa do Executivo estatal a rebaixar o IVE dos produtos da pesca e a conserva e que a día de hoxe siga sen activar un Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) dotado de axudas europeas para a industria do mar. Tamén se manifestou unha crítica conxunta polo feito de que o Goberno central non contase co sector pesqueiro á hora de definir os plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) e o acomodo da eólica mariña nos mesmos, que debe ir ligada sempre ao respecto á actividade pesqueira e a preservación do ecosistema.