Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

Comezan unha charlas sobre os valores do deporte nos centros escolares de Lugo

Por 22 Setembro, 2023Sin comentarios

A Delegación Territorial de Lugo acolleu a presentación da segunda edición de Luz ó deporte, o ciclo de conferencias que organiza a Fundación Breogán en convenio coa Xunta de Galicia e Abanca. No acto participaron o delegado, Javier Arias; o director da Fundación, Salva Arco; a xefa territorial de Abanca, Zaira Dapena, e os deportistas Cata Pollini, Pedro Munitis e Veljko Mrsic, que xunto con Sergi Grimau serán os protagonistas das charlas.

As charlas, que terán lugar no salón de actos da Delegación Territorial, achegarán testemuñas en primeira persoa arredor da traxectoria profesional dos protagonistas, as vivencias persoais e os principios adquiridos a través do deporte.

Están dirixidas a adolescentes e mozos, de entre 12 e 18 anos, alumnos e alumnas de varios centros de Educación Secundaria e Centros Integrados de Formación Profesional da cidade de Lugo. O obxectivo é poñer de manifesto os valores e actitudes que poidan influír de xeito positivo na súa educación e tamén dar visibilidade aos conflitos e complexidades que poden sufrir tanto na súa vida persoal como profesional.

Como novidade, este ano as conferencias estarán tamén abertas ao público en xeral que desexe asistir, pertencentes ou non á comunidade educativa, ata completar o aforo.

Abrirá o calendario Sergi Grimau o próximo martes, 26 de setembro; Pedro Munitis intervirá o 17 de outubro; Veljko Mrsic o 14 de novembro, e Cata Pollini o 14 de decembro.

Os protagonistas

Sergi Grimau Graguera, natural de Barcelona, foi xogador de baloncesto durante quince tempadas e actualmente imparte conferencias motivacionais. Preside a Fundación Special Olympics en Cataluña.

Pedro Munitis (Cantabria) adestra ao Club Deportivo Lugo; é o terceiro xogador con máis encontros oficiais disputados no Racing de Santander, equipo no que debutou no 1993. Tamén xogou no Real Madrid e no Deportivo da Coruña, así como en 21 encontros internacionais coa selección española de fútbol.

Veljko Mrsic (Croacia) debutou como xogador de baloncesto no 1991 na Cibona de Zagreb e militou tamén en equipos como o Zalguiris Kaunas ou o Unicaja Málaga. Esta será a súa terceira tempada como adestrador do Breogán.

Catarina Pollini, xogadora e adestradora de baloncesto, naceu en Vicenza (Italia), e chegou a Lugo no ano 2000 para fichar polo Ensino, equipo no que desempeña agora o posto de directora de equipo. Foi 252 veces internacional coa selección italiana e é membro do Salón da fama da FIBA desde o pasado ano.