Skip to main content
O Corgo

A Xunta autoriza a transferencia da estrada provincial de Gomeán ao Concello do Corgo

Por 22 Setembro, 2023Sin comentarios

O Consello da Xunta autorizou o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello do Corgo dun treito da estrada provincial LU-P-1207, na parroquia de Santiago de Gomeán.

O Concello do Corgo solicitou a transferencia deste treito da vía provincial, que se corresponde cun resto da antiga estrada provincial que conduce ata o municipio de Castroverde e que sufriu unha modificación debido ao novo trazado do corredor provincial.

Así, a Axencia Galega de Infraestruturas, vistos os informes emitidos polos servizos competentes, formulou a proposta favorable ao cambio de titularidade do treito, de 247 metros de lonxitude, que se inicia na glorieta existente na LU-P-1611, Cinturón Comarcal, no punto quilométrico 130+200, na marxe esquerda, e que entronca cunha vía municipal.

A transferencia a prol do Concello do Corgo tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

O departamento de Infraestruturas da Xunta ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma e das entidades provinciais e locais.

Co cambio de titularidade, o Concello do Corgo terá a competencia para actuar neste treito da estrada LU-P-1207 e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.