Skip to main content
Lugo

O Impulso Verde continúa a recibir visitas de centros educativos e emprendedores

Por 1 Setembro, 2023Sin comentarios

O edificio municipal Impulso Verde, situado na Garaballa, continúa a recibir visitas de centros educativos e emprendedores de toda España. Así, este xoves o pioneiro inmoble albergou unha visita guiada na que participaron alumnos de albanelería do obradoiro de emprego Vía da Prata II do Concello de San Cristovo de Cea (Ourense).

Á mesma tamén asistiron emprendoras e emprendedores interesados en coñecer o seu modelo construtivo, baseado na madeira, para a posta en marcha de novos proxectos inspirados no edificio lucense, empregando este material como principal elemento de construción.

Estas visitas coincidiron tamén coa programada para que o grupo municipal do PP coñecese as instalacións, logo de que o Executivo respondese positivamente á súa petición para visitar por primeira vez o inmoble, xa que dende que se comezou a construir e se inaugurou a dotación aínda non mostraran interese en coñecela.

“Esta visita chega logo de que por el pasaran xa, incluso durante a súa construción, centos de expertos e profesionais de todo o mundo en urbanismo, arquitectura ou cambio climático, así como autoridades da Comisión Europea e institutos e colexios de Lugo, Galicia e o resto de España”, lembrou a portavoz municipal, Paula Alvarellos.

A tenenta de alcaldesa felicitouse de que “por fin decidiran coñecer estas instalacións municipais que non só obtiveron recoñecementos a nivel nacional e internacional, senón que son un referente construtivo e de desenvolvemento urbanístico sostible incluso para a propia Xunta de Galicia, que incluíu o inmoble como exemplo na guía didáctica das construcións en madeira, recoñecidas pola súa calidade arquitectónica e deseño innovador, para impulsar o sector forestal”.

A visita do PP chega despois de que as instalacións acolleran –dentro da súa funcionalidade didáctica– a centos de profesionais e expertos, colectivos profesionais, institucionais e educativos de toda a provincia, a comunidade galega, o estado e tamén de Europa e outros continentes, pola súa relevancia como emblema do crecemento que deben experimentar as cidades medias do futuro, como modelo dunha economía verde e circular e como exemplo dunha arquitectura consciente da emerxencia climática e proactiva para combatela.