Skip to main content
Lugo

A Xunta afirma que non se aproveitou o verán para reparar o caneiro do Miño

Por 1 Setembro, 2023Sin comentarios

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, lembrou que foi a empresa Tragsa, que recibiu a encomenda da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) para encargarse dos traballos de reparación e permeabilización do Caneiro da Acea Olga, a que descartou este verán executar a obra, decisión en ningún caso atribuíble á Xunta de Galicia.

Segundo o informe ambiental emitido o pasado 3 de agosto pola Subdirección Xeral de Espazos Naturais, non é previsible que o proxecto de reparación do caneiro xere efectos significativos, sendo compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, sempre e cando se garanta o cumprimento das condicións establecidas no devandito informe, no que tamén se contempla o traslado dunha colonia de mexillóns presentes nesa zona do río Miño.

Por ese motivo, os traballos foron autorizados pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pero 7 días despois —concretamente, o 10 de agosto— a empresa Tragsa enviou un escrito á Dirección Xeral de Patrimonio Natural comunicando que non levaría a cabo as obras durante 2023.

Arias tamén puxo en valor que o persoal técnico de Medio Ambiente resolvera esta autorización non só no tempo legalmente establecido, senón á maior brevidade tecnicamente posible co fin de facilitar a súa execución. Explicou que tanto o informe sobre o proxecto como a resolución relativa á traslocación foron emitidos de forma simultánea, co obxectivo de facilitar o procedemento.

Neste sentido, lamentou que a CHMS non teña iniciados os traballos a estas alturas, o que demostra que realmente non hai vontade de facer a obra, solicitando os permisos demasiado tarde e buscando desculpas noutras administracións ás que mesmo acusa de bloquear a actuación.

O tempo dános a razón, dixo, e eles mesmos recoñecen que o nivel do río é baixo a estas alturas do ano, o que facilitaría estar executando esta mellora tan necesaria para a conservación do patrimonio etnográfico e tamén para os lucenses que practican deporte no Miño.